Citado a declarar como investigado o ex mozo de Déborah Fernández

Concentración polo asasinato de Déborah Fernández. (Foto: Marta Vázquez/Europa Press)

O anuncio da investigación desta persoa produciuse pouco despois de que a xuíza instrutora escoitase a declaración doutras sete testemuñas.

O Xulgado de Tui acordou citar para declarar como investigado o ex mozo de Déborah Fernández-Cervera, a muller cuxo cadáver apareceu nunha cuneta no Rosal (Baixo Miño) en maio de 2002, e será a primeira vez en case 20 anos que esta persoa, a quen a Policía sinalou como principal sospeitoso do crime, compareza en sede xudicial.

En primeira instancia, o Xulgado de Tui opúxose a citar a ex parella da moza viguesa, e a familia presentou un recurso ante a Audiencia de Pontevedra que foi estimado. Así, o tribunal provincial ordenou que se cite ese sospeitoso, que comparecerá o próximo 21 de febreiro.

O anuncio da investigación desta persoa produciuse pouco despois de que a xuíza instrutora escoitase a declaración doutras sete testemuñas que, esta sexta feira, compareceron no marco da investigación xudicial para arroxaren luz sobre o acontecido nas últimas horas de vida da vítima.

O caso de Déborah Fernández prescribe a finais de abril de 2022 e a súa familia reclamou en numerosas ocasións a comparecencia da súa ex parella, alegando que hai un informe policial moi contundente no que se apunta de forma clara a súa vinculación coa morte da moza viguesa.

Desaparición de Deborah Fernández

Déborah Fernández-Cervera desapareceu en 2002, cando tiña 21 anos de idade, despois de saír da súa casa para facer deporte. O seu cadáver foi localizado dez días despois, rodeado de pistas falsas, nunha cuneta do Rosal, e nunca houbo ninguén detido nin formalmente investigado, até o momento, por este crime.

Esta sexta feira, á saída dos xulgados de Tui e antes de coñecerse que se tiña citado a declarar o ex mozo da vítima, os avogados da familia mostráronse "optimistas" porque as declaracións das testemuñas axudaban a "avanzar" co caso.