Xustiza

Citan a declarar como investigados dous directivos da armadora do 'Vila de Pitanxo'

O pesqueiro 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Ministerio de Pesca)
O pesqueiro galego 'Vila de Pitanxo' naufragou a 450 quilómetros da costa de Terranova en febreiro de 2022, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo. A partir de aí, as familias dos falecidos trataron de pescudar que sucedeu exactamente.

A Audiencia Nacional citou a declarar en calidade de investigados dous directivos de Pesquerías Nores, armadora do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, naufragado en febreiro de 2022 en augas de Terranova (Canadá). En concreto, trátase do director xeral da compañía e do responsábel de Frota da empresa.

Ambos acudirán a declarar ante a Audiencia Nacional en calidade de investigados pola súa presunta responsabilidade no naufraxio. Aínda non se confirmou a data en que levará a cabo este procedemento.

A pesar da noticia, a firma rexeitou dar información respecto diso. Fontes da empresa indicaron que os seus responsábeis "non van facer ningún tipo de declaración á prensa". "Non o fixeron desde o primeiro momento e van continuar nesa liña", sentenciaron.

Investigación

O pesqueiro galego Vila de Pitanxo naufragou a 450 quilómetros da costa de Terranova en febreiro de 2022, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo. A partir de aí, as familias dos falecidos trataron de pescudar que sucedeu exactamente.

Durante a instrución, o xuíz tomou declaración ao patrón do pesqueiro, Juan Padín, en calidade de imputado, ao seu sobriño Eduardo Rial e ao mariñeiro Samuel Kwesi, como testemuñas, ao ser os únicos sobreviventes do naufraxio. Tamén está imputada a armadora.

A investigación xudicial débese a que Samuel Kwesi ofreceu unha versión que contradí a exposta por Padín e Rial, e que apuntaría a posíbeis neglixencias por parte destes que desencadearían na traxedia.

Tras tomarlles declaración, o maxistrado prohibiu saír do Estado español o patrón do pesqueiro, retiroulle o pasaporte e impúxolle a medida cautelar de comparecer cada quince días en sede xudicial e estar localizábel.

Ademais, solicitouse unha inspección ocular do barco, acometida este verán. Agora é a quenda de que os responsábeis da compañía acudan a declarar, polo que previsibelmente pronto se coñecerá a data.