Saúde

Podo operarme da xaqueca? Ollo con estes "tratamentos cirúrxicos" que non teñen "evidencia científica"

xaqueca (Foto: Nós Diario)
Esta técnica non está recomendada como opción terapéutica por ningún organismo regulador do mundo. As persoas expertas aconsellan a todos os e as pacientes con xaqueca que, antes de iniciar calquera tipo de tratamento invasivo, consulten co neurólogo.

Case medio millón de galegas e galegos padecen xaqueca, unha patoloxía moito máis común do que se pode pensar e que non se reduce a unha mera dor de cabeza. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), esta é unha das principais doenzas incapacitante —a sexta, máis concretamente, mentres as cefaleas no seu conxunto soben até o terceiro posto, segundo o Estudo da Carga Mundial de Morbilidade de 2013—.

A xaqueca adoita aparecer na puberdade e afecta principalmente o grupo de entre 35 e 45 anos de idade. É dúas veces máis frecuente nas mulleres que nos homes "debido a influencias hormonais", precisa a OMS, e está causada pola activación dun mecanismo encefálico que conduce á liberación de substancias inflamatorias e causantes de dor arredor dos nervios e vasos sanguíneos da cabeza. É unha doenza recorrente, a miúdo dura toda a vida e caracterízase por episodios relativamente frecuentes.

Fronte á xaqueca non existe aínda ningunha terapia curativa, máis alá de tratamentos que axudan a paliar os efectos destas intensas e persistentes dores de cabeza que poden volverse incapacitantes, polo que, advirte esta segunda feira a Sociedade Española de Neuroloxía (SEN), "xorden de forma periódica noticias sobre tratamentos, xeralmente cun prezo elevado, que non son eficaces e que en moitas ocasións poden ter consecuencias negativas para a saúde das persoas". Máis concretamente, a SEN alude a un suposto tratamento que está a gañar fama en todo o Estado español: a cirurxía.

Desde o Grupo de Estudo de Cefaleas da SEN e mais a Sociedade Internacional de Cefaleas —que aglutina persoas expertas en xaqueca en todo o mundo— veñen alertando nos últimos anos, "de forma repetida", que "non se dispón da evidencia científica necesaria e suficiente" para apoiar este tipo de técnicas cirúrxicas no tratamento das cefaleas agudas.

Ademais, salientan que as técnicas que propoñen tratar cirurxicamente as e os pacientes para eliminar "supostos puntos causantes" da xaqueca "non están aprobadas como opción terapéutica por ningún organismo regulador nos diferentes países do mundo". "Recoméndase consultar ao neurólogo para recibir información sobre a idoneidade de calquera tratamento da xaqueca", din.

A SEN, con todo, apunta os "importantes avances" nos estudos sobre a xaqueca coa chegada de novos tratamentos, "como anticorpos monoclonais anti-CGRP, xepantes e lasmiditán", que poden axudar a "mellorar a calidade de vida daqueles pacientes que aínda non atopasen unha solución útil" que lles permita soportar os efectos desta enfermidade.