O cinema reinvéntase nos xardíns de Allariz

Este domingo inaugúrase a X edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA), unha cita que ao longo destes anos afianzouse como un gozo para os sentidos, estimulados por paisaxistas procedentes de diferentes países, e que neste ano homenaxean o cinema.

Non hai moitas oportunidades na Península Ibérica de gozar dunha experiencia como a que se pode disfrutar en Allariz desde este domingo 12 de maio e até o vindeiro 3 de novembro. Unha experiencia  á beira dun lugar tan privilexiado como o río Arnoia no que as persoas visitantes poden percorrer e coñecer un proxecto que aúna innovación, deseño, imaxinación e medio ambiente. É o Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA), que este ano chega á súaIX edición, centrada no cinema. Case 40.000 metros cadrados de auga, sons, cores e vexetación que diferentes paisaxistas, arquitectos, deseñadores... modulan en creacións tan suxestivas como efémeras.

 

Este ano houbo 10 xardíns seleccionados de entre as 37 propostas procedentes de todo o mundo, de Estados Unidos e Italia, desde Alemaña e Escocia, tamén desde Galiza . Dez creacións ás que se engade o xardín gañador de 2018, a portuguesa 'O xardín prohibido' e a elaborada polo alumnado dos centros de ensino de Allariz. En total, 12 xardíns, que son 12 propostas diferentes nas que o cinema fúndese coa descuberta e goce do entorno. O festival ao longo da súa historia contou co patrocionio de diversos axentes, entre eles Sermos Galiza.

 

Un proxecto que contribúe ao achegamento das flores, plantas e da arte ao espazo urbano e, de xeito simultáneo, á conservación e á posta en valor do medio rural. Aspectos coherentes co recoñecemento da área de Allariz como Reserva da Biosfera da Unesco.


Nesta edición 2019 hai paisaxistas galegos, cataláns, italianos, escoceses, austríacos, alemáns e mesmo estadounidenses. Os visitantes poderán gozar de espazos dedicados a películas coñecidas ou outros máis conceptuais cheos de aromas florais e deseños que convidan a soñar. Un elenco de privilexio, que fai parte así deses case 250 proxectos procedentes dunha trintena de países e que ao longo destes anos tivo o seu sitio no Festival.

 

É un festival pioneiro na Península, xunto co portugués de Ponte de Lima. Cada edición, Allariz recibe por volta de 40.000 visitantes, procedentes de moitos países diferentes e que se achegan até esta vila para, a través das portas que lles abre o festival, disfrutar de moito máis que unha paisaxe creada.

 

As oito creacións dos arquitectos paisaxistas portugueses Francisco Cabral e Elsa Severino que marcaron a primeira edición tenden unha ponte desde aquel 2010 até esta X edición. Ao longo destes anos, a temática dos xardíns foi tan ampla como variada: Galiza o país da auga, o erotismo, a música no xardín, a moda, a memoria..