Cinema na rúa contra a ordenanza que limita os usos da vía pública en Compostela

A actividade enmárcase na campaña reivindicativa 'A rúa é nosa'. Imaxe: SG
Cando o ciclo de filmes ao redor do feminismo chega á súa fin, outros dous colectivos sociais organizan máis unha sesión de proxeccións vinculadas desta volta ao ecoloxismo e o consumo crítico. O programa durará até o 7 de agosto

Máis unha acción revolve o tecido asociativo de Compostela contra a ordenanza municipal aprobada polo Concello sobre os usos do espazo público na cidade --aprobada cos votos a favor do PP, a abstención do PSOE e os votos en contra do BNG e cuxo periodo de alegacións remata na sexta feira, día 13--. Desta volta son as persoas vinculadas ao grupo de consumo responsábel Fabas Lobas e á horta comunitaria do barrio de San Pedro as encargadas de organizar un ciclo de cinema documental ao redor do ecoloxismo, cuxo programa durará até o 7 de agosto.

Así, as sesións arrincan esta terza na Praza da Oliveira, coa proxección de Homenaxe a Catalunya II, peza que recolle os proxectos que están a desenvolver no país catalán coa economía solidaria, sustentábel e descentralizada como base. Na semana seguinte @s asistentes poderán gozar cunha dobre proxección dedicada á permacultura: Unha granxa para o futuro e O xardín de Emilia Hazelip.

Cunha semana no medio, o día 31 voltan as proxeccións cunha cinta sobre o esgotamento dos combustíbeis fósiles, 300 anos de combustíbeis fósiles en 300 segundos; e outra sobre a loita veciñal contra os encoros na Galiza, Resistencia ao encoro do Umia. A última sesión do ciclo convidará á reflexión ao redor das alternativas fara tornar responsábel o consumo; o documental leva por título Solucións locais para unha desorde global.

Eis aquí algúns datos de cada peza:
- Homenaxe a Catalunya II => Joana Conill, Manuel Castells e Álex Ruiz. Països Catalans, 2010. 63'
- Unha granxa para o futuro => Rebecca Hosking. Reino Unido, 2009. 48'
- O xardín de Emilia Hazelip => Emilia Hazelip. Franza, 1995. 30'
- 300 anos de combustíbeis fósiles en 300 segundos => Post Carbon Institute. EUA, 2011. 6'
- Resistencia ao encoro do Umia => Santi Martínez e César Caramés. Galiza, 2012. 41'
- Solucións locais para unha desorde global => Coline Serreau. Franza, 2010. 95'