Cimeira fracasada, tamén para Galiza

A sensación de fracaso que deixou no ecoloxismo social e a sociedade civil a Cimeira do Clima chega até Galiza, da man de entidades  que participaron ou seguiron o encontro oficial e a súa versión social, que opoñen as prioridades que impón o capitalismo ás medidas necesarias para frear o cambio climático.

Fracaso, cando non directamente burla. O balance que fan desde Galiza asociacións ecoloxistas e vinculadas ao rural da  COP25, a Cimeira do Clima clausurada este domingo en Madrid, comparte pesimismo coas decenas de miles de persoas que durante a súa celebración saíron á rúa para alertar da crise climática global e protestar contra a falta de ambición e resultados do encontro internacional.

Pesimismo polo acadado a nivel xeral, mais tamén polo que significa para Galiza. "Galiza vese afectada en tanto que non se pon freo ás predicións que se proxectan sobre o noso territorio: mediterranización do clima atlántico, secas máis prolongadas, lumes máis intensos relacionados co estrés hídrico e monocultivo de eucaliptos, eventos atmosféricos máis extremos, perda de biodiversidade...", resume Ánxel Enrique López, presidente de Adega en Vigo.

Para a organización ecoloxista, a cimeira supón "unha oportunidade perdida, porque se adía a presentación de plans e medidas concretas e máis ambiciosas por parte dos países para facer fronte ao cambio climático", o que é "un novo fracaso das partes e das elites para adoptar acordos firmes ante a situación actual de emerxencia climática e social consecuencia directa do poder destrutivo que ten o sistema capitalista". "É un acordo de mínimos, débil e simbólico, que resta ambición ao Acordo de París de 2015 e imposibilita conseguir o obxectivo de manter o incremento da temperatura por debaixo do 1,5 graos para finais de século  e conseguir o balance de emisións cero para 2050", apunta o activista. 

Desde Amigos da Terra subliñan, para concordar en que o encontro fracasou, a "falta de compromiso coas comunidades máis afectadas pola crise climática e a escasa ambición para reducir as emisións de carbono". "A pesar da emerxencia climática, os países do norte global ,en lugar de deixar os combustíbeis fósiles no subsolo, aproveitan calquera lagoa para evitar levar a cabo acciones efectivas e os mercados de carbono non reducirán as emisións", advirte a entidade, que alerta da "presión" das empresas máis contaminantes do mundo para influír nas negociacións "para conseguir eludir a súa débeda mentres lavan a súa imaxe na zona verde".

 Tamén o Sindicato Labrego Galego afea o papel das grandes empresas na Cimeira. "É un esperpento que Endesa e outras das empresas máis contaminantes fosen as patrocinadoras ou tivesen presenza ampla. O cumio oficial foi unha burla á cidadanía e aos sectores da poboación onde baten os efectos climáticos, como son unha burla as dinámica dos gobernos como o Español e das propias empresas, que son as que máis impacto xeran", avalía  a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba.

Máis eucalipto

Aos seus ollos, o encontro reflectiu, a nivel galego, "a situación global do capitalismo verde, e de querer facer negocio das empresas máis contaminantes". "Cuestións enormemente preocupantes, como a posibilidade de queimar cultivos forestais para crear enerxía supostamente limpa da que está a falar a Xunta, baseánse no éxito dos lobbies empresariais, ao lograr que non se computen as emisións na queima de materiais como estes cultivos forestais, o que é un grave problema para Galiza", denuncia, poñéndoo en relación coa apertura da planta  de biomasa de Teixeiro (Curtis)."Con ela, vai haber unha presión para facer cultivos forestais para queima –sinala–. Isto significa unha nova versión de Ence, e pode que aínda máis intensiva, porque eses cultivos están moito menos tempo na terra, esquilman auga e nutrintes da terra, supoñen só ocupación de eucalipto e erosión do terreo".

Poñendo o acento no sector agrario e gandeiro, a portavoz alerta de que se use "como cabeza de turco", cando "a maior parte das emisións veñen pola queima de combustíbel fósil, polos transportes de miles de quilómetros de alimentos para as persoas e o gando ou os fertilizantes químicos". 

Vilalba fai unha excepción no seu balance negativo ao encontro no papel da sociedade civil e de gran parte da comunidade científica, "que deixan unha mensaxe coa que o Sindicato Labrego concorda, como é que existe unha situación grande de emerxencia e que necesitamos un cambio de paradigma económico con urxencia".

Na mesma liña, desde Adega, Ánxel Enrique López pon en valor o papel da sociedade civil mobilizada e o ecoloxismo social, e destaca o funcionamento da plataforma do Movemento Galego polo Clima, como exemplo de "construción colectiva" e "confluencia" que, ao seus ollos, son ferramentas esenciais na loita contra o cambio climático.