Social

CIG critica que o decreto do Goberno é "farragoso" e "impide" a "protección real" das traballadoras

Paulo Carril (CIG).
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, di que debería terse aplicado un permiso retribuído "para cumprir un deber inescusábel" e "creado un fondo público de compensación para as empresas" para ter unha solución "máis xusta". 

A CIG considera que as medidas contempladas polo decreto aprobado esta terza feira no Consello de Ministras, "sendo un avance a respecto do que había", mantén "tímidas modificacións ou ampliacións da cobertura necesaria nun momento de emerxencia e de desprotección de amplos sectores da sociedade e da clase traballadora".

Os mecanismos de protección previstos neste decreto son, "farragosos, escasos e dunha burocracia que dificulta e mesmo impide a protección real das persoas máis vulnerábeis", aseguran desde a central sindical. 

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualifica como "moi grave" que se cambie o uso dos cartos das cotizacións da seguridade social destinados a formación, para prestacións sociais e de desemprego, "en vez de conseguir financiamento público, vía impositiva ás grandes fortunas, ás grandes empresas ou a través da intervención pública de sectores estratéxicos da economía hoxe en mans privadas (a banca, as grandes eléctricas…)".

Carril salienta que “hoxe máis que nunca fan falta políticas públicas e concentrar todos os recursos en favor das maiorías sociais, pero cun financiamento que non parta dos propios traballadores e traballadoras".

Así, sinala que "non pode ser que ás empregadas do fogar, que xa cobran uns salarios miserentos, se lles fale dunha renda tan cativa como compensación á paralización da actividade”; ou "que se fale dunha contía que é menor ao subsidio para aquelas persoas despedidas que non teñen desemprego, cando o normal sería que se se prohíbe o despedimento, fosen incorporadas (no mellor dos casos) aos ERTES e á posibilidade de ter as mesmas condicións que outras traballadoras". "Por que non se recoñecen as mesmas medidas para estas persoas traballadoras, evitando situacións discriminatorias?", pregúntase.

Para Carril debería terse aplicado un permiso retribuído ("como propuxo a CIG desde o primeiro día") "para cumprir un deber inescusábel", "creado un fondo público de compensación para as empresas" e, desta maneira, "a solución sería máis xusta para a maioría social e evitaríase o actual caos".

Fronte a isto, abunda que o Executivo "vai aprobando decretos sucesivos nos que se van corrixindo a si mesmos". "Ao final estamos falando dunha sucesión de parches, cando o que precisamos son medidas máis globais e con alternativas máis amplas para o conxunto da clase traballadora", destaca, sen esquecer o "sálvase quen poida" da Unión Europea que, nas súas palabras, constata "que non hai unha Europa social".

Necesidade dun "amplo e real" plan de choque social

A CIG reivindica un "amplo e real" plan de choque social pois considera que "non se dá unha alternativa, de forma xusta, aos gastos que teñen que facer as familias". "A medida que eles dan é complexa á hora de solucionar os pagos de aluguer, de hipotecas… Cando aquí habería que ir polo camiño de que o Estado obrigara ás entidades financeiras e ás eléctricas a exonerar do pago das hipotecas, do aluguer e dos recibos", explica Carril.

O secretario xeral da CIG cuestiona tamén "o incumprimento da exixencia inicial de que pare todo". Pois apunta que "non é de recibo que se estea poñendo en entredito e que o Goberno se estea emendando a si mesmo pola presión das grandes empresas, que está levando a que se manteña a actividade cando é máis que dubidoso que sexan servizos esenciais". "A vida das persoas, e todos os esforzos por afrontar a emerxencia sanitaria, é a prioridade", incide.