Sanidade

Denuncian que o protocolo XIDE do Sergas "vulnera o dereito á privacidade" e "sobrecarga máis" o persoal

Edificio da Consellaría de Sanidade en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)
A CIG reclama a retirada deste novo sistema orientado a regular a accesibilidade das e dos pacientes nos ambulatorios, que se ven obrigados a "contar o que lles pasa no mostrador", onde o resto de persoas "pode escoitalo todo".

A CIG denunciou esta sexta feira que o protocolo de Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE), o programa do Sergas orientado a regular a accesibilidade das e dos pacientes en atención primaria é na práctica "unha triaxe encuberta" que "sobrecarga máis" o persoal sanitario.

Nun comunicado, a responsábel de CIG-Saúde na Coruña, Lucía Fraga, asegurou que este sistema de xestión da demanda é "un problema engadido máis que unha ferramenta útil", xa que impón "máis" funcións ao persoal de atención primaria. "Atopámonos coa implantación dunha triaxe encuberta, que obriga o persoal de servizos e xestións a especificar o 'motivo de consulta' para poder dar a cita que demanda a persoa usuaria", explica.

Este procedemento, lamenta Fraga, non ten en conta "a vontade" do usuario ou usuaria "de comunicalo ou non, vulnerando o seu dereito de confidencialidade e privacidade". O sistema implantado desde o 14 de marzo provocou, apunta a CIG, que os mostradores dos centros de saúde estean "ateigados de xente", pois deben precisar alí "que é o que lles pasa, que doenza teñen ou desde cando".

O persoal de xestión "non recibiu a formación necesaria", advirte a CIG

Para a central sindicalista, o Sergas cometeu o "erro" de non dotar os centros de saúde de espazos idóneos para pór en marcha este sistema, xa que, lembra, "os mostradores están á entrada" dos ambulatorios en puntos onde, aliás, "as persoas usuarias poden oír todo", o que "vulnera a privacidade dos pacientes".

Fraga tamén denunciou que o persoal de xestión non recibiu a formación necesaria para prestar este servizo nin se contrataron máis profesionais, polo que o traballo destes incrementouse debido á posta en funcionamento do XIDE.

Aducindo os motivos expostos, a CIG reclama a retirada deste protocolo de citación porque "non garante unhas condicións mínimas para a súa implantación na atención primaria".