A CIG tacha os orzamentos estatais de “antiobreiros, antisociais e antigalegos”

Congreso dos deputados, onde se están a debater os Orzamentos Xerais

O secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, aproveita a ocasión para chamar á mobilización en greve xeral do próximo 19 de xuño

No medio dos debates parlamentarios sobre os orzamentos xerais, o secretario xeral da CIG Paulo Carril critica esta “prolongación” de políticas precarizadoras por parte do Estado por seren “antiobreiros, antisociais e antigalegos”. Segundo el, os orzamentos “non se axustan ás necesidades reais da maioría social galega” e perpetúan “o modelo neoliberal que ten na reforma laboral, na reforma das pensións, nas privatizacións e recortes na sanidade e no ensino a súa razón de ser”.

 

Ante unha situación que define como “dramática”, o sindicalista aproveita para chamar á greve xeral, que terá lugar o próximo 19 de xuño, “para impedir que se cronifique o desemprego, a precariedade, a sobreexplotación e a perda de dereitos” que actualmente está a afogar a clase traballadora galega.

 

Galiza, a que menos recibe

 

Carril incide en que estas políticas orzamentarias só “afogan a clase traballadora galega” e denuncia que a partida galega é “a que menos sobe de todas as comunidades autónomas. No resto hai un incremento dos orzamentos territorializados maior que no caso de Galiza”. A pesares da “mellora aparente” de 12 millóns, o secretario xeral da CIG aclara que o incremento cuantitativo non é real. “O total do investimento para este ano é do 9% fronte o 10% que houbo en 2017, moi inferior ao que nos corresponde polo peso que temos no Estado español, que ciframos en nunca menos do 12,5%”, explica.

 

As pensións máis baixas de todo o Estado

 

O secretario xeral chama atención sobre as pensións galegas, que son inferiores ao salario mínimo e as máis baixas de todo o Estado español. Tamén sinala como agravantes da situación as dificultades para acceder a pensións contributivas, da redución das contías e do progresivo atraso da idade de xubilación.

 

Carril apunta ás reformas de 2011 e 2013 como principais problemas. Segundo o sindicalista, non abonda con incrementar as pensións “uns euros, nin con que ese incremento se articule vía Orzamentos do Estado”, senón que sería necesaria “a derrogación” destas reformas e “das políticas económicas e laborais que xeran pobreza e explotación laboral”.

 

Máis desemprego, menos gasto social

 

Actualmente, Galiza rexistra 15,8% de desemprego. Desde a CIG denuncian o “menor gasto social” que se destina ás persoas desempregadas sen prestación nun momento no que este colectivo está a medrar. Paulo Carril apunta que a nova “Renda Complementaria Asistencial” é unha emenda do PP “coa que pretende darlle realidade a esa cruel nova reforma das prestacións”. Unha reforma, acusa, que supón “un novo recorte ao sistema de protección por desemprego do Goberno de Mariano Raxoi”, que integra as prestacións asistenciais -de competencia autonómica- na Seguridade Social co fin de reducir o tempo de percepción e a contía do subsidio.

 

28 anos para que o persoal público recupere o poder adquisitivo

 

Por último, Carril fai referencia ao “acordo de estabilidade” asinado por CCOO, UGT e CSIF Subliña co Partido Popular que “desvincula os salarios do persoal das administracións públicas do IPC”. Este pacto supón “que o persoal das administracións públicas tarden 28 anos en recuperar o que foi recortado nos últimos oito”, e até 2020 só será posible recobrar o 0,48% anual do poder adquisitivo perdido. “Hai máis razóns que nunca para mobilizarse e ir a unha greve xeral”, conclúe Paulo Carril.