Exixen anular o contrato do servizo de rastrexo da Covid cunha empresa privada

Rastrexadoras da Escola Naval Militar de Ferrol deron apoio á Xunta durante a terceira vaga. (Foto: Armada Española)
Os case 14 millóns de euros que vai custar, di a CIG, "darían para contratar 6.628 técnicos en documentación sanitaria ou 7.380 de persoal de servizos xerais" durante mes e medio, xa formados e en contacto co sistema galego de saúde.

A CIG-Saúde exixe a anulación do contrato do servizo de rastrexo da Covid que o Sergas vén de asinar cunha empresa privada. 

Para a secretaria nacional, María Xosé Abuín, trátase dunha prestación sanitaria e, polo tanto, debería ser atendida por persoal cualificado do Servizo Galego de Saúde.

Así o expuxo a responsábel do ramo no trancurso da reunión do Consello Técnico de Atención Primaria que tivo lugar a pasas cuarta feira, momento no que a directora xeral de Saúde Pública informou do funcionamento do rastrexo e xustificou as demoras alegando, por unha banda, que algún día mesmo se chegaron a diagnosticar até 1.700 casos e, pola outra, na necesidade de formación do persoal contratado pola empresa privada; explica a CIG-Saúde nun comunicado.

Anulación

O sindicato pide anular o contrato con ABAI Group porque, "tal e como recoñeceu o propio Xerente do Sergas, é 'unha prestación sanitaria no contexto da pandemia Covid' e considera que esta función debería ser realizada polo persoal inscrito na lista de selección temporal" do propio Servizo Galego de Saúde, nomeadamente por persoal técnico de documentación sanitaria ou persoal de servizos xerais.

"Estamos falando de persoal altamente cualificado e formado que non precisaría esa formación complementaria porque é do sistema sanitario e non teleoperadoras de fóra do sistema", afirma Abuín; quen critica, ademais, que a Adminsitración non saiba a duración do contrato ao descoñecer a duración deste pico da pandemia, "como se no Sergas non fose habitual contratar persoal por días, horas, quincenas e meses", engade.

Incumprimento do Pacto de selección temporal de persoal

Para a CIG-Saúde a contratación desta empresa é un "incumprimento grave" do Pacto de selección temporal de persoal do Sergas. Lembra que as e os traballadores pagan unhas taxas para figurar nas listas para acceder a un emprego temporal e que, entre mentres, "o Sergas privatiza unha prestación sanitaria como esta".

Tomando como referencia os 14 millóns que o propio Sergas dixo que ía custar o contrato e as retribucións dos técnicos en documentación sanitaria publicadas na orde de confección de nóminas da Xunta da Galiza, incluíndo 40% de gastos en cotizacións á seguridade social e demais, María Xosé Abuín calcula que "daría para contratar 6.628 técnicos/as ou 7.380 de persoal de servizos xerais, se a previsión da quinta vaga da Covid é de mes e medio".

Persoal, reitera, que xa está formado e en contacto co sistema sanitario público. "Mesmo chegaría para facer o rastrexo e para reforzar os déficits que hai nos centros de saúde".