DEREITOS SOCIAIS

CIG-Saúde reclama na Mesa Sectorial a retirada do decreto de recortes na sanidade pública

Consideran que as medidas ditadas en Madrid foron trasladadas a Galiza ''submisamente'' por Feijóo e piden que non se apliquen

Delegados e delegadas de CIG-Saúde concentráronse diante do edificio do Sergas, en Compostela, para reclamar a retirada do decreto aprobado polo PP en Madrid e trasladado por Feijóo "submisamente" a Galiza. Un decreto que, denuncian, pon en perigo o modelo sanitario público, gratuíto e universal e que terá consecuencias negativas tanto para o persoal como para as usuarias e usuarios.

Na mesa abordáronse os recortes en sanidade e como afectarán estes ás condicións laborais do persoal; a OPE para 2012, só para facultativ@s e Especialistas; as instrucións para a aplicación da lei de Medidas en canto ao pagamento das Incapacidades Temporais --IT-- e a plataforma loxística, que implica a privatización de postos de traballo en áreas como subministros ou farmacia.

Así as cousas, CIG-Saúde reclamou a retirada do Real decreto-Lei por considerar que "usurpa competencias exclusivas" do Goberno galego. "Pretende rematar co modelo de Sanidade Pública universal e gratuíta" explicou a secretaria nacional da federación, María Xosé Abuín, quen denunciou que unha vez que se aplique tamén "empeorará gravemente" as condicións de traballo do cadro de persoal.

Para a secretaria nacional tamén é "especialmente grave" que se elimine a capacidade de negociación da Mesa Sectorial e que a convocatoria da OPE se cinga exclusivamente a facultativ@s e especialistas. "Teñen que presentar unha convocatoria para cubrir o 100% das prazas, porque do contrario, ao ser insuficiente o persoal verase resentida a calidade da atención".

Xunto a iso, CIG-Saúde reclamou a recuperación do complemento retributivo até o 100% en Incapacidade Temporal e, aínda que manifestou o seu acordo coa centralización de compras para abaratar custos, rexeitou que esta se faga pola vía de privatizar os postos de traballo.

Abuín lembra ademais que o SERGAS se comprometera a negociar na mesa sectorial as instrucións e adaptalas á realidade do sistema sanitario galego, moi diferenciado do resto da función pública. Porén, lamenta que "non se saíron do guión que traían e foron rexeitando todas as alegacións presentadas".

En concreto, CIG-Saúde presentou na Mesa Sectorial alegacións para que se regule o permiso do persoal para acudir a consulta médica ou para realizar probas diagnósticas consideradas non invasivas; para que a regularización das nóminas, en caso de IT se faga a mes vencido e non como están facendo agora, que preventivamente aplican un desconto das retribucións superior ao que corresponde; que se puidera negociar a posibilidade de descontar da xornada, como día non traballado, a ausencia dun día de traballo por causa de enfermidade, antes de proceder ao desconto da nómina ou a ampliación a e días de prazo a posibilidade de xustificar, con certificado médico, sen mediar parte de IT.