CIG-Saúde pide que se cree unha subdirección xeral de Enfemería

Considera que hai que facilitar a participación deste colectivo na xestión da sanidade pública.

 

CIG-Saúde demanda a creación dunha subdirección xeral de Enfermería, unha medida coa que dar participación a este colectivo na xestión da sanidade pública e evitar que as súas competencias neste sentido sexan desenvolvidas por “outras profesionais”

 

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lembrou que desde que Galiza, nos anos 80 do pasado século, asumiu as competencias en materia de Sanidade o Sergas mantén as mesmas estruturas directivas. En concreto, na Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, só hai médicos e médicas como responsábeis de todos os servizos e subdireccións xerais.

 

Así, exemplifica, “en toda a consellaría de Sanidade non hai unha enfermeira ou enfermeiro como interlocutor para abordar os temas que afectan a enfermería como carteira de servizos, prescrición enfermeira, mapa de competencias ou cadro de persoal”. “Isto está a derivar en situacións graves, como no caso das matronas que desde o ano 1993 están pendentes de que se desenvolva o réxime xurídico das súas prazas”, indica.

 

Tamén denuncia que en Galiza das 440 prazas acreditadas para formación especializada só 53 foron para enfermeiras e enfermeiros, o que supón 13% do total das prazas e que non fora ofertada ningunha praza de enfermeira especialista en traballo ou en xeriatría.