A CIG-Saúde exíxelle ao Sergas datos para coñecer o déficit real de profesionais

María Xosé Abuín, secretaria nacional CIG Saúde.

Entre as demandas da CIG-Saúde atópase un Plano de ordenación de Recursos Humanos en Atención Primaria; a supresión da taxa de reposición e unha previsión das xubilacións que se van producir.

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, reclámalle ao Sergas o cumprimento do compromiso adquirido o 8 de abril en relación a negociar na mesa sectorial as materias que lle afectan ao persoal de Atención Primaria. Refírese á elaboración dun Plan de ordenación de Recursos Humanos que identifique as necesidades de persoal para dar solucións.

A sindicalista denuncia que “o Sergas non facilita a información necesaria para saber cales son, en concreto, os déficits de persoal e as previsións de cobertura dos próximos anos tendo en conta as xubilacións que se van a producir”. “Se non hai un diagnóstico de necesidades, mal pode haber propostas de solución ás mesmas”, engade.

A ollos da CIG-Saúde, o Plan de ordenación debe contemplar as prazas vacantes por xubilación e cantas destas prazas están cubertas con persoal fixo, interino ou eventual e cantas seguen vacantes ou están amortizadas, “non sabemos sequera iso”, indica Abuín.

Tamén o número de vacantes que se van producir por xubilación no período 2020-2025 e o de persoas que está a prolongar a súa vida laboral e que nos vindeiros anos accederá á xubilación forzosa ao cumprir os 70 anos. Ademais, a CIG reclama que se informe do número de tarxetas sanitarias de cada profesional agrupados por idades.

Con todo isto Abuín entende que “si se podería saber cales son as necesidades reais do sistema, tanto agora, como no futuro para poder planificar axeitadamente. A improvisación non pode seguir sendo un mérito porque só leva á precariedade laboral e a unha desatención da poboación”.

Suprimir a taxa de reposición

A CIG-Saúde tamén demanda que se acabe coa taxa de reposición para que se poidan convocar o 100% das prazas vacantes en ofertas públicas de emoprego e traslados. “Con esta medida evitaríase que o persoal seguira encadeando contratos sucesivos para cubrir postos estábeis e poderíanse crear novas prazas estábeis para dar resposta ás novas necesidades asistenciais”, informa Abuín.