ADVIRTE DE RISCOS LABORAIS

A CIG-Saúde esixe paralizar o traslado ao novo hospital de Vigo

2015 08 14 CIG Saude novo hospital VIGO 002.grande

A CIG-Saúde de Vigo esixe deter o traslado ao novo hospital de Vigo dados os “numerosos e flagrantes incumprimentos" en materia de prevención de riscos laborais”.

O sindicato alerta de que os incumprimentos e as “graves deficiencias” poñen “en perigo” as traballadoras e traballadores e as persoas usuarias. A CIG denuncia que “os intereses económicos da contrata” e a “falta de planificación” prexudican, os dereitos de persoas doentes e profesionais.

A CIG-Saúde sinala que desde hai meses viña advertindo sobre a necesidade dunha avaliación inicial de riscos, mais denuncia que non se deron pasos para cumprir a normativa aplicábel. A CIG, que presentou xa a denuncia correspondente diante da Inspección de Traballo, contextualiza estes problema na propia natureza privada do centro hospitalario e no recorte que sufriu o proxecto inicial.

A CIG advirte de eivas nos planos de evacuación, na falta de adecuación do lavado de material ou a redución dos cuartos de hospitalización

Entre os numerosos déficits apuntados pola CIG salientan a ausencia de sinalización do plano de evacuación, as reducidas dimensións dos cuartos de hospitalización e das salas de traballo de enfermaría para plantas de hospitalización. Tamén cita o “inconveniente” circuíto de cuñas, a ausencia de zonas de descanso para o persoal ou a falta de adecuación da zona de lavado do material de endoscopias, broncoscopias e uroloxía.

Á extensa lista de incumprimentos achegados pola CIG súmase o “malestar” polo sistema de aparcadoiro privado, que penalizará familiares, doentes e persoal hospitalario. Alén disto, a CIG-Saúde alerta de que ante a carencia de camas novas nos cuartos, a xerencia indicou que os usuarios poderían ser trasladados e ingresados nas súas camas actuais desde o Hospital Xeral.