CIG-Saúde denuncia a falla de material "imprescindíbel para o diagnóstico" no hospital de Monforte

Hospital de Monforte de Lemos (Concello de Monforte).
A central sindical advirte que estes problemas veñen derivados pola privatización de electromedicina.

A CIG-Saúde denuncia que o Hospital Público de Monforte leva máis de 15 días sen o equipo portátil de Raios X, o que implica que non se poden facer as placas na zona COVID-19, senón que hai que mover aos doentes dende Urxencias até Raios "pasando por diante das persoas que están, por exemplo, á espera de realizar un TAC".

Ademais, a ausencia deste dispositivo supón que, tanto en Urxencias como en planta, non se poden facer portátiles urxentes no caso das paradas cardíacas. Para a CIG-Saúde de Monforte este feito resulta gravísimo "xa que é unha proba imprescindíbel para o diagnóstico".

A central sindical demanda a compra xa deste aparato de raios portátil portátil "imprescindíbel" e que o Sergas "deixe de xogar coa vida dos e das pacientes, porque non se pode ter un hospital nesta situación por tanto tempo".

Privatización de electromedicina

Desde a CIG-Saúde advirten que estes problemas veñen derivados pola privatización de electromedicina, que foi adxudicada a Iberman, retirándoselle os contratos de mantemento ás empresas oficiais que até entón se encargaban deste servizo.

"Agora estragouse a procesadora de raios, que é onde se revelan as placas, pero Iberman non a arranxa porque non saben, co cal habería que chamar á empresa oficial, que tampouco quere vir porque lle retiraron o contrato", explica Vicente Vázquez, delegado da CIG-Saúde neste hospital.

Debido a isto non se van poder facer telemetrías no hospital, senón que haberá que realizalas en Lugo ou na sanidade privada. "Unha vez máis", apunta, "as consecuencias desta privatización recaen directamente sobre os e as pacientes".