CIG Saúde denuncia o desmantelamento de atención primaria na Mariña

CIG Saúde denuncia a que cualifican como política destrutiva do equipo xestor da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte nos Centros de Saúde da Mariña. Faino após as últimas declaracións do PP en referencia ás críticas pola supresión da Área Sanitaria da Mariña. Dende o sindicato consideran, ademais, que as devanditas declaracións teñen un marcado carácter propagandístico

Dende CIG Saúde denuncian a paralización do Plan de Mellora de Atención Primaria, a amortización de prazas nos Centros de Saúde, o déficit na atención pediátrica, a grave perda de calidade asistencial e, en conclusión, o que xulgan como desmantelamento intencionado da sanidade.

 

O Plan de Mellora de Atención Primaria, nado do acordo entre diferentes organizacións profesionais, sindicais e administración, tiña como pretensión facilitar o acceso a probas diagnósticas para acurtar listas e axilizar diagnósticos. Porén, sempre segundo a CIG Saude, o goberno do PP paralizou este plan e apostou en derivar os usuarios aos hospitais. Medida que supón unha aposta máis deste goberno pola privatización, afirman dende a central nacionalista.

 

Outra das denuncias que fan dende o sindicato é a amortización de prazas profesionais de saúde en Ribadeo, Cervo, Xove ou Ourol e acusan os alcaldes de ditas localidades de manter unha actitude de “silencio cómplice” para con estas políticas.

 

A atención pediátrica é outra das preocupacións de CIG Ensino. "A sanidade é un dereito de todos e de todas independentemente do lugar onde vivan os nosos nenos e nenas”, salientan dende CIG Saúde.

 

O sindicato ve como consecuencia de todas estas accións unha grave perda de calidade asistencial e un aumento do desemprego na comarca. Para CIG Saúde, é indispensábel a recuperación dos postos de traballo suprimidos para garantir a calidade asistencial e a estabilidade laboral, ben como para rematar coa precariedade que presenta o sistema.