A CIG sae á rúa nas sete cidades en defensa das pensións públicas

Concentración da CIG esta quinta feira en Lugo en defensa das pensións (Foto: Nós Diario).
A CIG lanza unha campaña para "desmontar as mentiras sobre o propio sistema público de pensións", xa que a revalorización das pensións "ten truco" ao facerse respecto ao IPC medio do ano, "en lugar de ter en conta o IPC acumulado".

O colectivo de xubilados da Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou concentracións esta quinta feira, 14 de decembro, que decorreron nas sete cidades, en defensa das pensións públicas.

Ourense, Compostela, Lugo, Pontevedra, Vigo, A Coruña e Ferrol acolleron cadansúa concentración en que se escoitaron proclamas a favor da defensa do sistema público de pensións.

Así, a CIG lanza unha campaña para "desmontar as mentiras sobre o propio sistema público de pensións", xa que a revalorización das pensións "ten truco" ao facerse respecto ao IPC medio do ano, "en lugar de ter en conta o IPC acumulado".

Perda de poder adquisitivo

O sindicato nacionalista denuncia que este mecanismo de cálculo aumenta a perda de poder adquisitivo das pensións. E todo iso mentres as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado, cun importe de 1.154 euros, 14% menos que a media estatal (1.320,4 euros) e só por encima de Estremadura.

Así mesmo, censura que o Estado prevé un gasto en pensións en 2023 que supón 11,5% do PIB, 0,9% menor que en 2020. "Un gasto en pensións inferior á media da UE", subliñan desde a central sindical.