A CIG rexeita na rúa os Orzamentos de 2015

[Imaxe CIG]

A central sindical concentrouse ás portas das delegacións da Xunta para rexeitar unhas contas públicas que, denuncian, "implicarán a desaparición de servizos públicos e o aniquilamento total doutros". 

 

A Área Pública da CIG mobilizouse esta cuarta feira (12 de novembro) nas principais cidades galegas para manifestar o seu rexeitamento ao proxecto de lei de Orzamentos 2015. Segundo o sindicato nacionalista o executivo de Alberto Núñez Feijóo propón unhas contas públicas que siguen "o ditado de Madrid" e "implicarán a desaparición de servizos públicos". 

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, asegurou desde a concentración da Coruña que os Orzamentos presentados pola Xunta entran en contradición cos propias perspectivas de crecemento económico defendidas dende o Goberno do PP. “Se é certo que vai haber recuperación económica e o PIB galego vai medrar, o normal sería que a Xunta modificara as políticas de austeridade e recortes e apostara por recuperar uns servizos públicos que son fundamentais para a calidade de vida e para xerar emprego, que é o gran problema que temos”, sinalou. 

"Con este tipo de orzamentos e de políticas non vemos saída nin que mellore a situación de anos pasados. Séguese a destruír moito emprego indefinido e a cambialo por emprego temporal e, sobre todo, por emprego a tempo parcial”, advertiu o secretario xeral da CIG. 

Aliás, a central sindical nacionalista denunciou o "recorte das condicións laborais e salariais" que carrexan estas contas para @s traballador@s públic@s. Maricarme López, voceira da Área Pública da CIG sinalou que dende o ano 2010 os traballadores e traballadoras ao servizo das administracións perderon un 30,9% da súa capacidade retributiva.

Ademais, apuntou, séguese afondando nas diferenzas salariais entre o persoal das distintas administracións, xa que “o Estado recuperou o cobro íntegro das pagas extraordinarias, mentres que a Xunta mantén o recorte do 40% nas dúas pagas, o que implica unha nova baixada do 7% dos nosos salarios para o próximo ano”.

Perante esta realidade, desde o sindicato nacionalista exixen "un cambio nas políticas neoliberais".