A CIG reivindica un "traballo digno e sen violencias" neste 25-N

Margarida Corral e Nicolasa Castro na rolda de prensa de presentación da campaña hoxe. (Foto: CIG)
O sindicato anima a denunciar calquera situación de acoso

Con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a CIG está a levar a cabo unha campaña coa que pretende "denunciar a actitude e permisividade da patronal ante as situacións de acoso que experimentan moitas mulleres nas súas empresas, chegando mesmo a ser utilizadas como mecanismo coercitivo coas traballadoras". Así o sostiveron esta segunda feira a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, e a secretaria comarcal das Mulleres da CIG da Coruña, Margarida Corral, na presentación da campaña. 

Baixo o lema 'Traballo digno e sen violencias', a Secretaría das Mulleres da CIG convocou unha serie de actos para conmemorar o 25-N. Nesta liña, Castro explicou que a próxima sexta feira terá lugar o X Encontro nacional de mulleres da CIG no salón de actos do edificio sindical da Coruña, no que participarán delegadas de todo o país para debater e marcar a acción do sindicato en materia feminista. Rematado o encontro, decorrerá unha manifestación na que, segundo apuntou Castro, se sinalará a “responsabilidade das empresas de poren os medios para evitar as situacións de violencias machistas  no traballo” xa que é “cuestión de vontade cumprir e facer cumprir a lexislación existente".

A CIG reivindica o “dereito a traballar sen violencia e acoso”

Neste sentido, o lema escollido pola CIG reivindica o “dereito a traballar sen violencia e acoso”. Así, a Secretaría das Mulleres do sindicato lembra que a partir de xuño de 2023 será de obrigado cumprimento o Convenio 190 da Organización Internacional do Traballo (OIT). "É o primeiro tratado internacional que recoñece o dereito de toda persoa traballadora a desenvolver a súa actividade libre de violencia e acoso e que inclúe de forma expresa a violencia e o acoso por razón de xénero", indicaron. “Con esta norma refórzase a obriga xa introducida pola Lei de Igualdade de 2007, de contar en todas as empresas con procedementos específicos para a prevención e actuación ante o acoso, incorporando aos mesmos todo tipo de violencias”, explicaron desde a CIG.

Con todo, para que estes protocolos vaian adiante, animan “todas as persoas que poidan estar expostas ou ser coñecedoras dunha situación de acoso ou violencia no traballo a que acudan ao sindicato para asesorárense a fin de combater esta situación”. Desta forma, a CIG pon de manifesto o forte vínculo existente entre “as condicións de traballo das mulleres e a consideración e respecto que merecemos como persoas”, como mantivo Castro, quen engadiu que “non é casual que as mulleres padezamos as maiores taxas de desemprego, os salarios máis baixos, os traballos a tempo parcial”, etc.

Aliás, desde a CIG fan un chamamento a participar tamén nos actos que o movemento feminista galego, nomeadamente a Marcha Mundial das Mulleres, ten convocados o 25-N. Entre as 19.30 horas e as 20.30 horas, comezarán os actos na Estrada, nas Pontes, en Betanzos, en Carnota, en Cee, en Compostela, en Lalín, en Lugo, en Narón, en Noia, no Porriño, en Ordes, en Ourense, en Ponteceso, en Pontevedra, en Ribadavia, no Val Miñor, en Vigo, en Vilagarcía e en Vilalba.

Acoso sexual no Servizo de Axuda ao Fogar

Corral asegurou que nos últimos anos están a detectar “moitas denuncias de acoso sexual” no Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Así, engadiu que as propias condicións de traballo neste sector provocan un maior número de casos. Neste sentido, lamentou que a persoa usuaria que comete o acoso “non se lle quite o dereito ao servizo porque non está na lexislación”.

Por todo isto, a CIG demanda “condicións de traballo e de vida dignas” e exixe “o dereito a unhas relacións interpersoais sen violencias, tamén no ámbito laboral”. Así, conclúen que “só co feminismo de clase” se poderán combater “todas as formas de violencia machista exercidas no traballo”.