Milleiros de manifestantes en Compostela

A CIG reanuda a mobilización por unhas pensións “dignas e garantidas”

Manifestación en defensa das pensións públicas este 26 de xaneiro en Compostela. Foto: CIG

Unha manifestación convocada pola CIG percorreu este sábado as rúas de Compostela. A palabra de orde, Por unhas pensións dignas e garantidas. A central nacionalista reanuda así as mobilizacións de pensionistas cunha advertencia: “Non estamos dispostos a que o sistema público se convirta nun sistema de caridade”.
 

“Feixoo, déixate de narcos / e defende os nosos cartos” foi unha das consignas máis coreadas polos milleiros de asistentes á marcha, en que tamén se cantou “non, non, non / ao roubo das pensións” ou “non faltan cartos / sobran ladróns”.

 

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, afirmou en declaracións aos medios de comunicación que “a sociedade está baixo ameazas constantes de deterioro das pensións públicas”. “Entendemos que o calendario de reformas do actual Goberno implica estender a idade de xubilación”, afirmou, “e eliminar o dereito a facelo aos 61 anos. Supón a continuidade coas reformas de 2011 e 2013, que provocaron un empobrecemento xeralizado das pensións”.

 

Carril alertou da “pretensión descarada de que os plans privados de pensións substitúan a necesidade dunhas pensións públicas. “Mais nós entendemos que o o dereito a unha pensión pública digna é un dereito fundamental, a conquista de moitas décadas de loita obreira”, concluíu.

 

Á manifestación asistiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen afeou ao Goberno de Pedro Sánchez que aínda non derrogase as “contrarreformas laborais” que están a retallar dereitos. “Non pode haber unha axenda social se non se recuperan os dereitos das pensións”, engadiu, antes de reclamar o restabelecemento da idade de xubilación nos 65 anos.