CIG quenta motores cara a unha greve xeral: “Sobran as razóns”

Asemblea delegados da CIG en Pontevedra

As asembleas de delegados e delegadas do sindicato nas diferentes comarcas do país debateron esta convocatoria, que será trasladada aos centros de traballo. Paulo Carril, secretario xeral da CIG, entende que cómpre “avanzar” nas mobilizacións para dar resposta ás “políticas antiobreiras, antisociais e antigalegas”.

Asembleas de delegados e delegadas da CIG debaten estes días a necesidade de convocar una greve xeral, un debate que se trasladará posteriormente aos centros de traballo e á sociedade. “Entendemos que [a greve] é o que é necesario para frear todas as políticas antisociais, antiobreiras e antigalegas que leva adiante o PP”, manifestou o secretario xeral do sindicato nacionalista, Paulo Carril, após a asamblea de Pontevedra.

 

“A greve xeral ten que ser una maneira de dar una resposta”, dixo, a unha situación de precariedade e explotación laboral, baixos salarios, pensións minguadas ou recortes nos servizos sociais. Afirmou que agora o debate está nos centros de traballo, salientando que nas asembleas se certifica “a necesidade de dar un salto” nas mobilizacións. “Cando falamos de greve xeral falamos de facer una reflexión, de dar un paso á fronte para recuperar dereitos sociais e laborais”. Carril anunciou que en breve emprazarán ao resto de forzas sindicais a valorar a posibilidade dunha greve.

 

O secretario xeral criticou que non haxa capacidade para erguer una alternativa política no Estado a un PP que goberna sen maioría absoluta e que impulsou medidas regresivas no laboral (reformas laborais), no social e nos dereitos civís.

 

Ademais, desde a CIG destacouse que este 15 de abril, domingo, hai unha cita coas mobilizacións convocadas en 32 concellos na defensa dun sistema público de pensións e pola recuperación de dereitos laborais e sociais.