Ante a “evidente desorganización”

CIG propón unificar nun ente público os servizos de extinción dos incendios

[Imaxe: CIG]

A CIG, acompañada de representantes de Seaga, SPDCIF, brigadas dos Concellos e bombeiros, apelou na mañá da sexta feira a reformular os servizos de extinción de lumes para así atallar a “evidente desorganización do actual dispositivo”. O sindicato, que reclama recuperar o monte galego, denuncia que a Xunta empregou “unha estratexia de confusión” para “eludir responsabilidades”.

Unha “reformulación radical”. Isto é o que propón a CIG para atallar a “evidente desorganización” que padecen os servizos de extinción dos incendios este verán. O sindicato propón unificar o servizo nun só ente público e acometer políticas de recuperación do rural. Suso Seixo, secretario xeral da CIG, e Paulo Rubido, secretario nacional da CIG-Servizos, expuxeron en rolda de prensa, acompañados de representantes de Seaga, SPDCIF, brigadas dos Concellos e bombeiros, que a vaga de incendios “dista de ser unha situación nova” e que, non obstante, a Xunta de Galiza practica unha “estratexia de confusión” para “eludir responsabilidades”.

“O Goberno galego bota man do discurso da intencionalidade incendiaria, e mesmo desta volta chégase a falar de grupos organizados de carácter terrorista que actúan cun plan de actuación a escala nacional”, advertiron os representantes do sindicato, que denunciaron que a estratexia da confusión practicada pola Xunta “ pretende afastar o debate que realmente se debe de dar, que é a problemática estrutural dos incendios forestais en Galiza e o tipo de xestión que se fai e se debe facer tanto á hora de prevelos e evitalos como de extinguilos”.

A CIG denuncia que o modelo actual se fragmenta nun "sinfín de entes" e critica a "entrada de capital privado que obtén beneficio económico da extinción de incendios"

Seixo e Rubido puxeron de manifesto as eivas do actual modelo do servizo de extinción, un modelo que se caracteriza pola “fragmentación do dispositivo de extinción nun sinfín de entes, tales como o servizo propio público da Xunta, a empresa pública Seaga, Tragsa, Concellos, empresa privadas, parques comarcais, exército, etc”; pola “entrada de capital privado que obtén beneficio económico da extinción de incendios” e pola “precarización absoluta dos traballadores e traballadoras que traballan na extinción”.

A CIG tamén denunciou que o modelo da Xunta de Galiza limita o traballo dos servizos de extinción a tres meses na maioría dos casos; provoca unha situación laboral caótica con “medios de extinción sen profesionalizar” e con persoas “sen medios nin experiencia diante de lumes de grandes dimensións que requiren de actuacións perfectamente estudadas”. Aliás, lamenta a negativa á creación da categoría de bombeiro forestal, “co que existe unha renuncia tácita a dotar o país dun servizo público de extinción profesionalizado”.

Como atallar a situación

Suso Seixo e Paulo Rubido, acompañados de profesionais que loitan contra os incendios, propuxeron, alén da unificación do servizo nun só ente de carácter público, expulsar as empresas privadas dos servizos de extinción; asumir a propia Xunta os servizos de extinción e unificar con carácter público os parques comarcais e bombeiros urbanos.

A CIG chama a considerar o monte "como un ben valioso e un recurso económico que pode xerar moitos empregos"

A CIG tamén pon o foco nas “causas estruturais” dos incendios, polo que aposta en recuperar o rural galego “como un medio vivo, con actividade económica e coa consideración da superficie forestal como un ben valioso e un recurso económico que pode xerar moitos empregos”. Neste sentido, Seixo e Rubido criticaron o abandono ao que o PP ten sometido o monte galego.