A CIG rexista unha ILP para o profesorado recuperar os seus dereitos

A CIG presenta a ILP

A proposición de lei levaría implícito o mandato de instar o Goberno central a que derrogue a LOMCE. A CIG quer tamén que se destine o 7% do PIB galego á educación.

“Esta ILP responde á vontade de que se produza un cambio de rumbo fundamental para o ensino público galego despois dos recortes levados a cabo polo Partido Popular”, explicou esta cuarta feira o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, ás portas do Parlamento galego, minutos antes de rexistra unha proposición de lei en forma de Iniciativa Lexislativa Popular.

A CIG exixe no texto que se restitúan os dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado, ademais de medidas para mellorar a calidade do ensino en Galiza. A proposición de lei, que necesitará sumar 15.000 sinaturas para o seu debate no Parlamento, recolle cinco grandes eixos.

“Queremos que o Goberno galego estabeleza un plan orzamentario co obxecto de dedicar o 7% do PIB galego á educación”, manifestou Louzao

O principal, unha lei de educación de acordo coa realidade galega, e que levaría implícita a anulación de medidas nocivas para o ensino e o mandato de instar o Goberno central para que derrogue a LOMCE. “Queremos que o Goberno galego estabeleza un plan orzamentario co obxecto de dedicar o 7% do PIB galego á educación”, manifestou Louzao.

Neste senso, a CIG pide que se recuperen os dereitos laborais perdidos polo profesorado, como salarios, prazas, redución dos horarios lectivos e o dereito á formación permanente. A proposta profunda nunha defensa do ensino público como garante da igualdade de oportunidades, con medidas como a redución das ratios, a gratuidade dos libros e un plan para reducir o fracaso escolar.

A ILP recolle tamén a posta en marcha das actividades extraescolares que están sendo fechadas, entre as que se encontran o dereito a comedor escolar e ao transporte. A confederación defende como imprescindíbel a galeguización do ensino público, cun plan de formación que garanta as competencias do profesorado, e que suporía a derrogación do Decreto do Plurilingüismo, “que veta –denunciou Louzao- que as Matemáticas e a Bioloxía se poidan impartir na nosa lingua”.