A CIG pídelle á Xunta medidas "excepcionais" para resolver a situación dos PAC na área de Pontevedra

Centro de saúde de Marín. (Foto: Europa Press)
Os representantes de CIG-Saúde lamentaron que a área de Pontevedra e O Salnés é "sen dúbida, a área que peor trata os profesionais".

Representantes de CIG-Saúde na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés expresaron o seu rexeitamento ás medidas presentadas pola Consellaría de Sanidade na Mesa Sectorial, entre as que se atopaban a anulación de vacacións e permisos xa asinados, para resolver a situación asistencial nos Puntos de Atención Continuada (PAC).

Nunha rolda de prensa celebrada no salón de actos do Hospital Provincial de Pontevedra, os responsábeis detallaron que a Administración galega ten que asumir esta "crise sanitaria" e "tomar as medidas que permite o marco legal para situacións excepcionais" que afectan os cadros de persoal dos PAC.

Neste sentido, a CIG-Saúde asegura que estes profesionais "son vítimas dunha situación que eles non provocaron e que ten unha clara afectación na calidade asistenciaI prestada ao conxunto da cidadanía".

Segundo a central sindical, as decisións propostas deberían "estudar as causas que xeran esta situación", avaliando como se chegou aquí "e asumindo as responsabilidades na xestión, ou na ausencia dela, realizada nos últimos anos".

Cambios na directiva da área

O sindicato expuxo que, "ou melloran as condicións de traballo, e non é só un tema retributivo, ou as prazas de formación que incrementemos seguirán quedando desertas". Por iso rexeitan as medidas propostas porque "penalizan máis a profesionais xa sobrecargados, que están a soportar co seu esforzo o peso da nosa sanidade pública".

Os representantes de CIG-Saúde Manuel González Moreira, Begoña Maio e Celia Iglesias lamentaron que a área Pontevedra e O Salnés é "sen dúbida, a área que peor trata os profesionais" polo que "loxicamente a xente prefire irse a outras áreas cunha mellor xestión de persoal".

Por outra parte, os representantes de CIG-Saúde valoraron ante os medios de comunicación o anuncio que fixo o Sergas aos representantes sindicais de novos cambios na directiva da área sanitaria.

A central sindical advertiu que "o importante non son os nomes, senón que a Xerencia teña un plan que sexa capaz de facer fronte aos problemas". Para CIG-Saúde, a orixe do problema está na propia Consellaría de Sanidade, polo que reclaman a saída do seu titular, Julio García Comesaña.