CIG pide que o concurso xeral de traslados deste curso sexa de ámbito galego

Existe a posibilidade de concursar a nivel estatal, lembra o sindicato, mentres que dentrod e Galiza mantense unha moi alta provisionalidade.

A CIG-Ensino demanda á Consellería de Educación que o concurso xeral de traslados (CXT) deste curso sexa exclusivamente de ámbito galego. Unha petición que argumentou na mesa sectorial lembrando que hai a posibilidade de concursar cada dous anos a nivel estatal. Iso garante a mobilidade do profesorado. Mentres, en Galiza continúa a haber unha alta provisionalidade. “Existen arredor de 1.000 persoas sen destino definitivo e máis de 6.000 que concursan cada ano”, informa a central nacionalista

 

Educación permite na convocatoria que regulará o CXT deste curso, que é de ámbito galego, que participe profesorado de fóra de Galiza. CIG solicitoulle que restrinxa o ámbito a Galiza, facéndose eco “das demandas do funcionariado que está en expectativa de obter destino definitivo, e que supera as 1.000 persoas”.

 

Xesús Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, lembrou que “existen especialidades cun nível altísimo de provisionalidade, con docentes que levan máis de 10 anos sen destino definitivo”. “Con esta decisión”, engade Bermello, “a administración está a dificultar a redistribución ou a recolocación dos seus efectivos, que é o obxectivo que se fixa na súa propia orde regulatoria”.

 

Lingua

 

Por outra parte, a CIG-Ensino demandou que todas as especialidades que se convoquen teñan perfil lingüístico galego co obxectivo de garantir que o profesorado teña as competencias necesarias para desenvolverse no noso idioma. “Non é nin máis nin menos que o que a propia Consellaría exixe para superar unha oposición: ter o nível CELGA 4. A día de hoxe só as especialidades de Infantil e de Primaria do Corpo de Mestres e Historia e Bioloxía de Secundaria, así como todas as específicas da FP teñen ese requisito”, lembrou Xesús Bermello.