Eleccións no ensino, 4 de decembro

CIG márcase como obxectivo seguir a ser “referente” do profesorado para a defensa do ensino público

Foto: Diego Boquete

744 docentes fan parte das candidaturas da central nacionalista nunha cita á que están chamados a votar 30.995 profesores, 1.400 menos que cando Feixoo chegou ao goberno. Elixirán 142 delegados e delegadas. CIG-Ensino é a forza maioritaria, co 46% dos votos.

 

“Fomos nestes anos referente na loita e defensa do ensino público galego e queremos seguir a selo, ese é o obxectivo”. Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, resumiu así o propósito da central nacionalista para as eleccións do vindeiro 4 de decembro, unha cita na que poderán votar 30.995 docentes para elixir 142 delegados e delegadas. A CIG chega a estas eleccións sindicais após atinxir hai catro anos 46% dos votos, unha contundente vitoria – asegunda forza logrou 15%- que tamén é un reto de cara ao 4 de decembro. “Somos un sindicato incómodo, somos conscientes de que o PP e a Xunta non queren que sexamos o sindicato que somos”, afirma Bermello ao tempo que explica a campaña de rendición de contas que está a facer a CIG e que lle leva polos 1.200 centros de ensino do país para explicar o seu traballo nestes catro anos.

 

O secretario nacional, e cabeza da candidatura da CIG-Ensino pola Coruña, compareceu acompañado das persoas cabeza de cartaz polas outras provincias. Marta Dacosta (Pontevedra), Laura Arrojo (Lugo) e Suso Diz (Ourense). A CIG-Ensino presenta 744 docentes conformando as súas candidaturas para o ensino público non universitario. “Son candidaturas amplas, con representación territorial e de todos os niveis de ensino, unhas candidaturas que reflicten a realidade do profesorado galego” e no que 60% son mulleres.

 

Compromisos

 

O secretario nacional sinalou que o mandato que teñen para estes catro anos pode concretarse nas medidas urxentes para a recuperación do profesorado e ensino público galego, un decálogo que foi avalado pola sinatura de 12.000 docentes. A recuperación da xornada laboral das 18 horas lectivas en Secundaria e FP e das 21 en Primaria e Infantil; a derrogación da LOMCE, a redución das rateos de alumnado por aula en todas as etapas educativas, a negociación dun acordo retributivo para o profesorado que parte de recuperar “todo o roubado” nestes anos…; son algunhas das liñas do programa da central nacionalista.

 

O sindicato denunciou que nunhas eleccións nas que o censo supera as 30.000 persoas poidan escoller apenas 142 delegados e delegadas ao aplicarse o sistema de elección provincial. De aplicarse as mesmas normas que nas eleccións no ensino concertado o número de representantes a elixir abeiraría os 1.600. Co modelo actual, censura Bermello, “preténdese que non haxa representación centro a centro”.