A CIG levántase da negociación con Sanidade pola “falta de compromiso” do Ministerio

Manuel González Moreira é o secretario da CIG-Saúde. (Foto: Nós Diario)

Súmanse así a CCOO, UXT e CSIF, que fixeron o propio esta quinta feira.

A CIG-Saúde sumouse aos sindicatos CCOO, UXT e CSIF e levantouse da mesa de negociación co Ministerio de Sanidade para estabelecer o Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde. Fíxoo porque ve no Goberno Estatal “falta de compromiso”.

A través dun comunicado, a central nacionalista galega lamenta que “despois de oito meses de xuntanzas” con intercambios de propostas, a xuntanza da pasada segunda feira, 24 de abril, fechou unha fase do diálogo sen que o novo ministro, José Miñóns, “fixera nin un mínimo xesto de recoñecemento da importancia da negociación en marcha, nin mostrara nin un mínimo compromiso” con alcanzar o novo estatuto.

Reclamacións

Así, a CIG-Saúde aposta por estabelecer no estatuto “normas xerais de funcionamento” con ferramentas para que as Comunidades exerzan as súas competencias.

Para o seu secretario, Manuel González Moreira, hai temas que “ben merecen o esforzo de redactar” o novo Estatuto. Entre elas, a regulación básica da xornada, a xubilación, a promoción interna, a dedicación exclusiva ao sector público e a actualización das funcións de cada categoría.

Neste contexto, a CIG-Saúde agarda que o Ministerio presente un novo documento “para a negociación real” do Estatuto Marco que demostre a súa “vontade política”.