CIG inicia unha campaña de denuncia das "nefastas consecuencias" do goberno Feijóo

Convida UGT e CCOO a se sumaren a unha iniciativa que implica manifestacións comarcais o 4 de outubro, data de inicio da campaña electoral. CIG chama a se mobilizar o 21-O para que triunfen forzas "sensíbeis aos intereses d@s traballador@s e aos dereitos nacionais da Galiza"

Iniciar unha campaña nos centros de traballo e na rúa para denunciar as "nefastas consecuencias" destes tres anos e medio de goberno de Núñez Feijóo para Galiza e as maiorías sociais. O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e o membro da Executiva confederal, Ramiro Oubiña, veñen de anunciar que a central nacionalista vai desenvolver desde xa unha serie de actos e iniciativas en centros de traballo e na rúa para pór en evidencia e denunciar a responsabilidade directa do PP e Núñez Feijóo no emprobrecemento e perda de dereitos d@s traballador@s, así como na destrución dos sectores produtivos galegos ("pesca, agro, naval... mesmo o sector financeiro galego").

A campaña centrarase en distintos eidos e terá un dos seus pontos máis importantes o vindeiro 4 de outubro, cando realizarán manifestacións comarcais coincidindo co inicio da campaña electoral "para que a cidadanía rexeite de forma clara as políticas do PP".

Chama a CCOO e UGT a manter a unidade de acción

A CIG, sinalou o seu secretario xeral, tratou con CCOO e UGT estas mobilizacións, entendendo que é positivo e necesario manter a unidade de acción amosada o pasado 19 de xullo e posta de manifesto desde aquela en diferentes mobilizacións. Os sindicatos españois, explicou Seixo, notificáronlle que había xa un calendario a nivel estatal polo que o 8 de outubro se ían desenvolver manifestacións en diferentes puntos (Vigo e Ferrol, na Galiza) en defensa do sector industrial.

O secretario xeral da CIG amosou o seu respecto por esas mobilizacións, mais incidiu na necesidade de "respectar as dinámicas do noso país", polo que reiterou a chamada a CCOO e UGT a sumarse a esta campaña. "E nós estariamos dispostos a sumarnos á do día 8", destacando a importancia de que ambas as dúas xornadas, 4 e 8 de outubro, acollesen mobilizacións "conxuntas".

Suso Seixo enfatizou que perante o 21-O "non se pode xogar á ambiguidade" e que dar o voto ao PP é condenar o país a non ter saída".

Frear ao PP

Para a CIG, a clase traballadora e as maiorías sociais da Galiza teñen unha cita importante o 21 de outubro, xornada de votación. A central nacionalista avogou porque as urnas desen o triunfo a aquelas forzas "dispostas a enfrontarse ás políticas antisociais e antiobreiras e a ser sensíbeis cos intereses da clase traballadora e os dereitos nacionais da Galiza".

Neste sentido, Suso Seixo enfatizou que perante o 21-O "non se pode xogar á ambiguidade" e que dar o voto ao PP é condenar o país a non ter saída".

165.000 desempregad@s máis na Era Feijóo

Suso Seixo lembrou que na Galiza hai actualmente 275.000 persoas desempregadas, "das cales 165.000 son da era Feijóo, todo un logro achacábel ás súas políticas". Seixo comentou que Feijóo "prometera daquela que ía acabar co desemprego nus meses", e que a realidade actual é ben outra. "Deses 276.000 parad@s, 76.000 sono de longa duración", á vez que "milleiros de moz@s galegos, moit@s del@s moi cualificados, teñen que emigrar".

Desde a central nacionalista alertan de que o panorama social e económico da Galiza "é máis que preocupante" e sinalouse directamente o PP e a Núñez Feijóo como "representante das oligarquías española e europea" e de "representar o antigaleguismo e a colonización do país".