Inscrición aberta até o 27 de setembro

A CIG homenaxeará Anxo Louzao o 30 de setembro

Executiva Nacional da CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector

A CIG vai renderlle homenaxe a Anxo Louzao, quen foi cabeza visíbel e secretario nacional da CIG-Ensino 16 anos. O sindicalista deixou a Secretaría Nacional a finais do curso 2016-2017, cando Suso Bermello o relevou no cargo. O acto terá lugar o día 30.

O 30 de setembro ás 14h terá lugar a homenaxe que a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, lle rende a quen foi secretario nacional da sección de ensino durante 16 anos, Anxo Louzao. As súas compañeiras e compañeiros organízanlle un xantar no Hotel Os Abetos, en Santiago de Compostela.

 

As súas compañeiras e compañeiros destacan de Louzao, que se vén de xubilar, a súa “inquebrantábel defensa do ensino público e da clase traballadora”. Tamén salientan o seu traballo incansábel tamén pola lingua e contra o neoliberalismo e as privatizacións.

 

“Unha figura que sempre considerou a defensa dos intereses do profesorado como unha batalla máis dentro da loita da clase traballadora e que, nas súas propias palabras, non estivo aquí para que lle pasaran a man polo lombo -así o sinalara nunha entrevista concedida a este medio-. Precisamente ese teimar polo noso, por Galiza e o seu pobo é unha das características que moitas persoas veñen destacando da súa personalidade e da súa traxectoria desde que se soubo da súa decisión de xubilarse”, afirman do homenaxeado, que é colaborador de Sermos Galiza, as e os organizadores.

 

Para participar da homenaxe é imprescindíbel inscribirse antes da cuarta feira, día 27 de setembro, nesta ligazón.