A CIG exixe a Goberno español e Xunta a intervención pública do sector eléctrico e dos combustíbeis

Manifestación da CIG para exixir unha tarifa eléctrica galega. (Foto: Nós Diario)
Propón fixar un prezo de referencia, cunha duración de 24 meses e revisábel trimestralmente, para que o prezo final de consumidores domésticos e profesionais cunha potencia contratada entre os 10 e os 15 quilowatts/hora se mova ente os 10 e os 60 euros por megawatt hora (mW/h).

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de facer público un comunicado no que exixe tanto ao Goberno español como á Xunta a adopción de medidas para a intervención pública do sector eléctrico e dos combustíbeis, co obxectivo de "garantir prezos máximos xustos".

O sindicato afirma que estas medidas son "imprescindíbeis para combater unha situación económica e social extrema que está a ter un impacto brutal nas clase populares", polo que defende que deben ser "profundas, amplas e integrais" no sector.

"Para fixar unha tarifa eléctrica poida garantir unha vida digna e o desenvolvemento dunha actividade económica, social e industrial que cree postos de traballo e que permita o desenvolvemento dun proxecto de vida”, engade o comunicado da central sindical.

Neste sentido, a CIG propón fixar un prezo de referencia, cunha duración de 24 meses e revisábel trimestralmente, para que o prezo final de consumidores domésticos e profesionais cunha potencia contratada entre os 10 e os 15 quilowatts/hora se mova ente os 10 e os 60 euros por megawatt hora (mW/h).

Medidas de intervención pública

Asemade, o principal sindicato galego reclama unha tarifa eléctrica galega; modificar o sistema tarifario, "limpando a factura de todos os cargos"; unha rebaixa xeral no prezo da electricidade, retirándoa do 'pool'; e a creación dunha empresa pública galega de electricidade.

Tamén pide estabelecer un control e límite do beneficio obtido polas eléctricas, cun tope máximo de beneficio-minoración do exceso de retribución, como mínimo de 15% do custo de xeración. Coa proposta da CIG, naqueles casos nos que as empresas superen esa porcentaxe deberán abonar unha taxa pública para financiar o abaratamento do prezo da electricidade.

Xunto a estas medidas, exixe a reversión das actuais centrais hidroeléctricas; a fiscalización das concesións hidroeléctricas en vigor; modificar transitoriamente os impostos que actualmente están na tarifa eléctrica e que as concesións de instalacións de produción de enerxías renovables cumpra as condicións ambientais e estean vinculadas a proxectos de desenvolvemento económico ou plans industriais.

Prezo máximo dos combustíbeis

En canto ao acceso aos combustíbeis, a CIG traslada a "necesidade" de que o Goberno español fixe un prezo máximo de gasolina e diésel para paliar os altos prezos dos combustíbeis, cunha duración de 6 meses, "tomando como base o prezo medio que existía o 24 de febreiro de 2022", antes de que comezase a guerra en Ucraína.