A CIG formaliza a presentación da greve de mulleres do 8 de Marzo

A CIG formalizou no rexistro da Consellaría de Economía, Emprego e Industria a convocatoria da greve de mulleres que terá lugar o 8 de Marzo en Galiza, no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia.

 

A greve, que afectará a todas as actividades e centros de traballo de Galiza, tanto das empresas privadas como do sector público, farase efectiva nas franxas horarias comprendidas entre as 00h e ás 02 horas, das 12 a 14 horas e das 19:30 a 21:30 horas; é dicir en paros laborais de dúas horas por quenda de traballo.

 

A secretaria confederal de mulleres da CIG, Margarida Corral, quen acudiu ao rexistro acompañada pola Comisión de Mulleres da CIG e o secretario xeral, Paulo Carril, explicou que a decisión de convocar paros laborais responde ao debate iniciado en novembro de 2017 nos diferentes organismos da central sindical, nos que se acordou que o 25 de novembro (Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres) se iniciase a conta atrás para a consecución o 8 de Marzo de 2018 dun Paro Internacional de Mulleres. Unha greve, en palabras de Margarida Corral, “que rache coa hipocrisía no que se están a converter a celebración de datas senlleiras vinculadas cos dereito das mulleres, recuperando o carácter reivindicativo e de clase que ten o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora”.

 

As discriminacións

 

Corral lembrou que as mulleres galegas perciben de media uns ingresos equivalentes a 77,7% dos ingresos dun home. Engadiu que a fenda salarial en Galiza é do 23% e ademais, as xornadas das mulleres son maioritariamente parciais e os seus contratos temporais.