A CIG traslada as principais demandas do profesorado galego á nova ministra de Educación

Protesto en Ferrol contra a LOMCE

O secretario da CIG-Ensino, Suso Bermello, participou esta quinta feira nun encontro das organizacións sindicais coa nova equipa do Ministerio de Educación

Co gallo do novo goberno estatal, o Ministerio de Educación e Formación Profesional organizou uns primeiros encontros coas organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial do Estado. Nesta reunión estivo presente o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, quen trasladou as principais reivindicacións do profesorado galego á actual ministra, Isabel Celaá.

 

Un dos asuntos centrais abordados por Bermello foi a derrogación da LOMCE, aplicada unilateralmente polo anterior goberno do Partido Popular. O sindicalista avogou por unha nova lei de mínimos que permita o desenvolvemento dunha Lei Galega de Educación que contemple as diversas necesidades do sistema educativo do país. Tamén foron discutidos os dereitos do persoal docente, con especial atención á taxa de reposición para o ensino público.

 

Segundo o secretario da CIG-Ensino, esta medida que permite reducir o acceso á función pública docente de miles de profesionais debería ser eliminada de xeito permanente. Esta cuestión parece ir na liña dos plans do Ministerio, a teor do manifestado pola equipa ministerial durante esta reunión, na que tamén estiveron presentes o secretario de Estado, Alejandro Tiana, e o subsecretario, Fernando Gurrea.

 

A raíz disto, o modelo de ingreso á función pública docente tamén foi abordado nese encontro. Actualmente, o sistema educativo adoece dun alto índice de persoal docente interino provocado polas políticas de redución de persoal. Por isto, a CIG-Ensino defende que debe existir unha dupla vía de acceso, previa mudanza da lexislación que limita esta posibilidade, asegurando tamén a non perda de postos de traballo nin unha maior inestabilidade laboral para o persoal interino.

 

Alén desta cuestión, Suso Bermello tamén demandou unha posición máis firme por parte do Ministerio de Educación visando garantir a laicidade no ensino público. O secretario xeral da CIG Ensino cualifica como “insuficiente” a acitude do ministerio e solicita retirar a propia materia do currículo académico.

 

Avance de medidas do Ministerio

 

Pola súa banda, Isabel Celáa avanzou certos aspectos a negociar de xeito prioritario nos próximos meses. A ministra de Educación informou de que se vai partir da base da LOE para avanzar nunha nova lei educativa —pola vía dun Pacto educativo— que, de contar con abondo apoio parlamentar, sería posto en vigor no vindeiro curso escolar. A retirada dos itinerarios da ESO, a recuperación da papel dos consellos escolares como órganos de goberno ou a elección das direccións, así como reforzar o papel da FP, foron outros dos temas obxecto das conversas.

 

Ademais, a equipa fixo entrega formal do anteproxecto de lei para a revisión da situación anterior ao Real Decreto Lei 14/2012, que recolle as medidas de “racionalización do gasto público” no ámbito do ensino. Este documento será presentado tamén aos representantes autonómicos no día 30 de xullo.