A CIG esíxelle á Xunta a gratuidade do aparcadoiro do Álvaro Cunqueiro

[Imaxe: Galipedia] Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

A polémica ao redor do novo hospital de Vigo continúa. A CIG-Saúde insiste en reclamarlle á Xunta de Galiza a gratuidade do aparcadoiro ou que habilite para estacionar vehículos o terreo anexo da súa titularidade.

A CIG-Saúde reclama unha “alternativa gratuíta” ao actual aparcadoiro privado, e de pago, que existe no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Centra a súa mirada na Xunta de Galiza, ao entender que é a Administración galega “quen facilite a alternativa gratuíta ao aparcadoiro de pago”. Lembra que a Xunta “xa dispón de terreos da súa propiedade anexos ao novo hospital”.

 

“O máis lóxico”, afirma a CIG-Saúde nun comunicado de imprensa, “sería converter en gratuíto o aparcadoiro xa construído, que tería a capacidade suficiente para dar resposta ás necesidades de usuarias e usuarios”. Esta medida, engade, “choca frontalmente co modelo de hospital-negocio co que se construíu o novo hospital de Vigo por decisión do PP”. O sindicato refírese ao modelo de financiamento empregado pola Xunta para a construción deste equipamento, o “público-privado”, eufemismo que agocha tras de si a privatización do Álvaro Cunqueiro.

 

A xerencia non o ve necesario

 

A CIG xa lle solicitara en febreiro á Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo información sobre os citados terreos anexos ao hospital. Uns terreos sen urbanizar e que mesmo permanecen valados. Nese momento, o sindicato nacionalista trasladáralle á EOXI a solicitude de empregar os terreos para ampliar as prazas de aparcadoiro.

 

A xerencia respondéralle á CIG que non está contemplado nos usos atribuídos no PSIS (Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal) do novo hospital de Vigo este terreo como aparcadoiro. E, e por outra banda, a xerencia considerou que o número actual de prazas son suficientes, polo que non estaría xustificado o uso destes terreos, sen precisar que as prazas actuais son todas de pago.