CIG-Ensino critica a "unilateridade" da Xunta nos cambios dos currículos de ESO e Bacharelato

Estudantes de bacharelato nun exame de selectividade en Viveiro. Foto: Europa Press / Carlos Castro)
CIG-Ensino lamentou a "unilateralidade e imposición" e instou o conselleiro para pór en común as intencións da Administración galega antes de presentar o anteproxecto do decreto de currículo.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) exixiulle ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que "abandone a unilateralidade" e aclare todas as "dúbidas" e "temores" sobre os cambios presentados pola Xunta nos currículos da ESO e Bacharelato para o vindeiro curso.

Nun comunicado, CIG-Ensino sinalou a "preocupación" polo "alto grao de improvisación e desidia" en relación á reforma de contidos para as etapas educativas para adaptarse á nova lei estatal educativa (Lomloe).

Após revisar as reformas de Infantil e Primaria nas Mesas Sectoriais, o sindicato manifestou que o "máis importante" agora é coñecer as propostas do Goberno galego para os cambios que se centran na ESO e Bacharelato.

Posteriormente, o sindicato cuestionou que o conselleiro pretenda "tranquilizar" as direccións dos centros despois de afirmar que "dificilmente" os novos decretos da educación secundaria estarán aprobados.

"Unilateralidade e imposición"

A organización explicou que a marxe de manobra do Goberno galego en canto á distribución de materias é "moi limitada", polo que non entenden que o conselleiro realizase a presentación da nova distribución sen buscar o "contraste e consenso".

CIG-Ensino lamentou a "unilateralidade e imposición" e instou o conselleiro para pór en común as intencións da Administración galega antes de presentar o anteproxecto do decreto de currículo.

En caso contrario, afirma o sindicato, estarán "de novo" ante un exemplo de política de feitos consumados e de aplicar cambios sen considerar ao profesorado e a comunidade educativa.

Por último, o sindicato mostrou a súa "decepción" pola "nova ocasión perdida" da Lomloe de eliminar a materia de Relixión dos centros educativos.