CIG-Ensino urxe a derrogación do decreto de plurilingüísmo

(Foto: Xunta da Galiza).

Após o novo informe do Consello de Europa.

O Consello de Europa fixo público o informe de avaliación a medio termo do quinto ciclo de avaliación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas elaborado polo comité de expertos deste tratado internacional, onde se constatan de novo os incumprimentos respecto ao galego. O documento insta ademais a informar das accións tomadas para cumprir o tratado antes do 1 de agosto de 2023.
 
Tal e como recolleu Nós Diario na quinta feira, 1 de abril, nunha información sobre as conclusións do comité de expertos, o informe sinala a gravidade da situación no ensino, indicando que segundo o compromiso do Estado e da Xunta "o ensino debe ter o galego como lingua de instrución" e que "o marco legal actual é contrario aos compromisos do Estado español", polo que "non todas as limitación ao ensino en galego foron eliminadas" tal e como está comprometido.

Desde a CIG-Ensino piden a derrogación do decreto de plurilingüismo e lembran que levan anos traballando ”para que se solucione o problema da paulatina desaparición do galego no ensino, tanto desde a mobilización e a resposta social como desde a elaboración e propostas para saírmos da situación de emerxencia lingüística na que está o noso país, camiño da perda constante de falantes e cunha especial incidencia na mocidade”.

Apuntan que no ano 2020  fixeron parte da “Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza", documento que elaboraron conxuntamente n varias entidades vinculadas ao ámbito educativo e da normalización lingüística (A Mesa, AS-PG, Nova Escola Galega, CIG; Confederación de Anpas, STEG e CSIF). “A proposta de consenso foi achegada a todos os partidos o pasado mes de outubro de 2020 mais o PP vetou a presenza no Parlamento galego das entidades citadas  por tres veces nestes últimos meses”.

“A CIG-Ensino fai un novo chamamento a que partidos políticos, gobernos, entidades, nais e pais, profesorado e sociedade en xeral coloquen na axenda a asunción de responsabilidades e medidas para reverter a situación actual, xa que de non reaccionamos inmediatamente pode tornarse irreversíbel”.