CIG-Ensino rexeita a reforma de Wert que fai do ensino público ''unha competición''

Unha reválida ao final de cada etapa educativa, escoller entre FP ou Bacharelato en 3º da ESO e reducir o número de horas de varias materias entre as que non está Relixión son algunhas das medidas que contempla a folla de ruta deseñada en Madrid e que entrará en vigor no curso 2012-2013

"Un desatino, tanto desde o punto de vista social como pedagóxico". Así resumiu o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, a reforma educativa que executará o Goberno español do visto e prace da Xunta de Galiza nunha reunión que o sindicalista mantivo en Madrid co ministro de Educación, José Ignacio Wert.

Unha das propostas é a de introducir unha nova reválida para a avaliación do alumnado en cada un dos niveis educativos. "A proposta supón unha desconsideración absoluta co profesorado, xa que o seu traballo queda en tela de xuízo na medida en que desaparece a avaliación continua e as cualificacións finais dadas polo docente". Segundo valorou Louzao, a medida, que se aplicará ao final de todas as etapas educativas --Primaria, Secundaria e Bacharelato--, reponde "a unha visión totalmente clasista e elitista" da educación.

"A reforma está pensada como unha carreira de obstáculos" que inicia "a segregación" do alumnado desde 2º da ESO, curso no que se poden iniciar os programas de cualificación profesional incial. CIG-Ensino lembrou que en 3º da ESO @ estudante terá que decidir se orienta os seus estudos á FP ou ao Bacharelato. Na lectura feita pola central nacionalista, o obxectivo é "reducir ao máximo" o estudantado no Bacharelato "e reforzar o ensino privado concertado". Alén de todo o anterior, advirten de que baixo a 'autonomía dos centros' o que se procura é elaborar unha listaxe de CEIP e IES en función dos resultados académicos colleitados polo alumnado, e reducir as horas lectivas de materias "entre as que non se encontra Relixión".

En definitiva, trátase de presentar a educación "como unha competición" e os centros escolares "como empresas". O ministro español comprometeuse a enviar as bases do borrador nun prazo de dez días, para presentalo en outubro e que as medidas entren en vigor no curso 2012-2013.