Recurso da CIG contra a orde de permanencia dun integrante das direccións nos centros educativos

As escolas permanencen pechadas pola crise do coronavirus (Foto: Nós Diario).

O sindicato CIG-Ensino presentou un escrito dirixido á Secretaría Xeral técnica da Consellaría da Presidencia da Xunta pedíndolle a anulación do parágrafo do apartado décimo da Resolución 15 de marzo de 2020, onde se recolle a obrigatoriedade da permanencia dun integrante das direccións nos centros educativos

O sindicato CIG-Ensino presentou un escrito dirixido á Secretaría Xeral técnica da Consellaría da Presidencia da Xunta pedíndolle a anulación do parágrafo do apartado décimo da Resolución 15 de marzo de 2020, onde se recolle a obrigatoriedade da permanencia dun integrante das direccións nos centros educativos

Así mesmo, tamén se dirixiron á Delegación do Goberno como responsábel neste momento das competencias autonómicas para que dea cumprimento ao R.D. polo que se decreta o estado de alarma e ao propio Código Civil

Esta medida chega despois de tres cambios anteriores nas disposicións e obrigas para o persoal docente, sendo primeiro obrigatorio a asistencia de todo o profesorado durante a suspensión da actividade docente, despois indicando que debía acudir todo o profesorado que indicase a dirección, posteriormente a totalidade do equipo directivo mais non o resto do equipo docente e finalmente só un integrante da dirección.

Desde a CIG-Ensino consideran que "se está a vulnerar o dereito á saúde pública das persoas integrantes das direccións educativas, ademais de que esta resolución contradi claramente o artigo 9 do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19".

"Como é sabido, o R.D. tamén suspendeu todos os procedementos administrativos, polo que non hai ningún trámite que sexa necesario realizar fisicamente nos centros, e todas as recomendacións sanitarias inclúen a obriga de eliminar os desprazamentos que non sexan imprescindíbeis, polo que a obriga de que arredor de 3.000 docentes teñan que realizar esta mobilidade implica un maior risco de contaxio tanto para eles como para a súa familia, así como un posíbel retraso na volta á normalidade se finalmente se produce algún caso positivo na súa contorna", engaden. 

Se hoxe mesmo non hai un cambio nestas directrices por parte, ou ben do goberno central ou do galego, o sindicato vaille propor aos equipos directivos dos centros galegos de máis de seis unidades -que son os que teñen a obriga de permanecer estes días presencialmente nos centros, segundo a última resolución da Xunta-, a que presenten a súa dimisión como medida de presión "fronte ao sensentido e á irresponsabilidade da Consellaría que, en lugar de rectificar e velar pola seguridade sanitaria do seu persoal, se enroca na súa decisión sen dar ningún tipo de xustificación".