CIG-Ensino non asinará ningún acordo de persoal interino que non formule a estabilidade para o colectivo.

Critica que a Consellería presentase unha proposta para modificar o texto que regula o acceso á función pública de interinos e substitutos que non contempla a recuperación de dereitos deste persoal.

A CIG-Ensino non asinará ningún acordo de persoal interino que non contemple a recuperación dos dereitos perdidos nin un acordo de estabilidade para o colectivo. Así o manifesta o sindicato maioritario no ensino após que na Mesa Sectorial a Xunta presentase unha proposta de modificación do actual texto que regula o acceso á función pública docente do persoal interino e substituto “que non introduce nin a recuperación dos dereitos arrebatados ao colectivo durante estes últimos anos nin a posibilidade de negociar un acordo de estabilidade”.

A central defende que é preciso negociar un acordo de estabilidade para o profesorado interino que inclúa ao profesorado maior de 55 anos até a súa xubilación.Ademais, entende que “é impresentábel” que non se restitúa o dereito a percepción do pagamento dos meses de verán por riba do que proporcionalmente corresponde polo tempo traballado cando se superen os 5 meses e medio de traballo efectivo. Tamén se instou a Consellaría a un “compromiso de defender” diante da administración central a necesidade dun acceso diferenciado para quen teña méritos prestados no ensino público.

Calquera aspecto que teña a ver co presente texto de regulación das condicións de acceso do persoal interino debe ser froito de negociación exclusivamente na Mesa Sectorial,exixe a central nacionalista, por ser esta o “máximo órgano de participación e negociación e que representa o sentir, segundo os resultados das eleccións sindicais, do profesorado galego”. Unha afirmación que fai a raíz de que durante estes últimos anos, a Consellaría, “coa conivencia das demais organizacións sindicais”, deulle carta de natureza a “un remedo de comisión de seguimento na que se deixa fóra á CIG”.