CIG-Ensino e A Mesa acusan a Valedora de exercer como “apéndice” do PP

Consideran “inxustificábel” e “impresentábel” a resposta das Valedora do Pobo á queixa presentada por ambas antidades pola exclusión do galego no ensino.

CIG-Ensino e A Mesa consideran que a Valedora do Pobo erstá a actuar como “apéndice” do partido Popular. Unha acusación que realizan a raíz da resposta dada por esta á queixa presentada por ambas as dúas antidades sobre a “exclusión e discriminación” do galego no Ensino como consecuencia da aplicación da Lomce. Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, considera “inaceptábel, impresentábel e inxustificábel”, a actitude da Valedora, que non entra no motivo da propia queixa nin fundamenta a resposta. Por iso denunciou a súa “total complicidade cos posicionamentos da consellaría”. Unha actitude que considerou “impropia” dunha institución como a da Valedora do Pobo. “É unha resolución prexuizosa co noso idioma. É incapaz de promover o uso da legalidade ante unha institución. Pedimos amparo e vémonos totalmente desamparados”.

 

No mesmo sentido, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística asegurou que “non sabemos se a Valedora nos está a tomar por parvos ou é a Consellería a que a toma por parva a ela e ela acepta de forma submisa”. Para Maceira, a resposta remitida á queixa da Mesa e da CIG-Ensino “mostra unha falta de respecto por si mesma e a propia Valedora parece máis ben unha responsable dunha subsección de publicidade da Xunta”. O presidente da MNL lembra que “unha vez máis, chove sobre mollado xa que isto pasou en casos anteriores como o da persecución a un centro de ensino por un cartaz; a petición de que a cartilla de vacinación infantil estivese en español ou a desatención dun usuario ao que lle denegaban a saída dun parking se non falaba castelán”.

Queixa

Anxo Louzao lembrou que coa aplicación da LOMCE a xa cativa presenza do galego como lingua vehicular no Ensino reduciuse, ao modificarse a carga horaria e mesmo ao cambiar algunhas das materias que había. Así, o galego pasa ter 13 horas menos no conxunto da ESO para as ensinanzas aplicadas e 10 horas menos para as ensinanzas académicas.

Diante desta situación tanto a CIG-Ensino como a Mesa pola Normalización Lingüística dirixíronse en repetidas ocasións á consellaría de Educación, enviaron un escrito conxunto, a CIG-Ensino levou o tema á mesa sectorial denunciando a“alarmante discriminación” que sofre o galego no ensino en relación co español.

Porén, sinalan, a consellaría non se deu por aludida non atendeu este tipo de advertencias embrora, indicou Louzao, que a mesma implicase estar “ante unha situación de ilegalidade, atendendo ao cativo marco xurídico e os dereitos que ten a nosa lingua”. Ante esta situación a Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino recorreron á Valedora do Pobo mediante unha queixa, co obxecto de que instara e requirira da consellaría de Educación o cumprimento da legalidade.