CIG-Ensino impulsa Xe, un xornal para os problemas e retos do sistema educativo galego

Un acto en Compostela esta quinta feira servirá para presentar esta publicación do sindicato maioritario na educación pública.

Xe, o xornal do ensino galego. Así presenta a CIG-Ensino a publicación que vén de editar e que ten como finalidade poñer en común os principais problemas e retos do ensino público galego, para alén de servir de intercambio de experiencias educativas e de materiais e recursos para o traballo nas aulas.

.A reforma das pensións, “con efectos moi lesivos para o persoal interino ou funcionario de carreira que aprobou as oposicións despois de 2011”, a situación do galego nas aulas e na sociedade, os intereses empresariais e neoliberais que hai detrás da aposta pola FP dual, os recortes de dereitos sufridos polo profesorado, a situación actual dos estudos superiores de artes e deseño ou das medidas de atención á diversidade son algúns dos temas que conforman o contido dunha publicación que nace “coa vocación de ser periódica e útil para o colectivo docente”.

Tamén terán cabida experiencias educativas levadas a cabo nalgún centro galego e que poden servir de referente para outros, así como a recomendación de materiais, recursos ou bibliografía para traballar nas aulas a coeducación, a educación para a paz e o respecto polo medio ambiente.

Para dar a coñecer en sociedade esta publicación, a CIG-Ensino ten organizado un acto de presentación esta quinta feira, 10 de outubro, ás 19:30 horas na Libraría Couceiro no que participarán o secretario nacional Suso Bermello, a escritora e profesora de Lingua de secundaria, Marta Dacosta, o orientador e mestre de primaria, Carlos R. Calvente, o profesor de FP, Manuel César Vila e a profesora de Ciencias da Educación, Montse Pena.