A CIG-Ensino exixe ao Ministerio unha regulación "básica" que garanta a redución real de ratios
A central sindical denunciou que o departamento ministerial "trouxo á mesa docente estatal unha nova versión do texto que empeora respecto do negociado no grupo de traballo".
CIG-Ensino demandou ao Ministerio de Educación "unha regulación básica" que garanta unha "redución real de ratios e o retorno aos horarios lectivos previos aos recortes". A central sindical afirmou que o departamento ministerial "trouxo á mesa docente estatal unha nova versión do texto que empeora respecto do negociado no grupo de traballo" da mesma.
Respecto ao anteproxecto de Lei de mellora das condicións para o desempeño da docencia e no marco dos trámites existentes, a CIG presentou unha batería de propostas encamiñadas "a mellorar" a proposta ministerial.
Con todo, o sindicato sinalou que por parte do Ministerio "non se garanten as propostas de mellora na atención á diversidade" e engadiu que a atención a este alumnado queda supeditado "á vontade política".
Aliás, sostivo que o Ministerio non se abriu a introducir "que se blindase na futura lei o cómputo dobre do alumnado con necesidades educativas especiais". Por outra banda, a central sindical sostivo que o profesorado de FP é "o principal prexudicado coa incorporación da distribución irregular da xornada".
A CIG demandou que a regulación teña un carácter "básico" e de horarios "máximos" para permitir que os Gobernos teñan marxe de redución deses horarios, mais solicitou que se especifique que se considera parte lectiva da xornada laboral do profesorado toda a actividade que requira atención directa ao alumnado. Tamén que se reduza a 21 as horas nos centros de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial.