CIG-Ensino entrega máis de 7.000 sinaturas para demandar a integración de todo o profesorado no grupo A-1

A Executiva Federal de CIG-Ensino antes de entregar as sinaturas. (Foto: CIG-Ensino)
O sindicato explica que os cambios provocados pola nova lei educativa (LOMLOE) e a Lei Orgánica de FP implican a integración do Profesorado Técnico de Formación Profesional (PTFP) no corpo de Profesorado de Ensino Secundario, do grupo A1, co requisito de ter unha  titulación de grao ou unha diplomatura universitaria.

A Executiva Federal da CIG-Ensino fixo entrega nesta terza feira dun escrito dirixido á ministra de Educación, Pila Alegría, acompañado de 7.366 sinaturas recollidas entre o profesorado galego "en tan só un mes e medio" para demandar un corpo único docente dentro do grupo funcionarial de maior grao (A1).

Para a sección educativa da CIG, esta recollida de sinaturas "en tan breve tempo", é unha "boa mostra do apoio do persoal docente galego" á campaña iniciada polo sindicato maioritario no ensino público para que se produza a integración de todos os corpos docentes no grupo A1.

CIG-Ensino, após da resposta "tan contundente e rápida do profesorado", decidiu interromper a campaña, coincidindo co final do curso escolar, despois de constatar o gran apoio que tivo a iniciativa, unha "demanda histórica" da cental sindical galega.

Cambios coa LOMLOE

O sindicato explica que os cambios provocados pola nova lei educativa estatal (LOMLOE) e a Lei Orgánica de FP implican a integración do Profesorado Técnico de Formación Profesional (PTFP) no corpo de Profesorado de Ensino Secundario, do grupo A1, co requisito de ter unha  titulación de grao ou unha diplomatura universitaria.

Desta maneira, unha vez remate 2022 só permanecerán no subgrupo A2 o corpo de mestres, PTFP a extinguir e profesorado do novo corpo de especialistas de sectores singulares da FP, e o corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño.

CIG-Ensino lembra que xa demandou na Mesa estatal que se incorpore esta integración no marco do Estatuto Docente que o Ministerio se comprometeu a negociar nesta lexislatura.

Así llo fixo ver o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, nunha carta dirixida á ministra Alegría o pasado 2 de maio. Para o sindicato, non comezar a negociación canto antes "sería unha mensaxe profundamente negativa" para os algo máis de 260.000 docentes que no conxunto do Estado quedarán no grupo A2, nos que 95% son do corpo de mestres. Na Galiza a medida beneficiaría a uns 15.000 docentes, case 50% do profesorado total.

A CIG-Ensino considera que as melloras no recoñecemento profesional tamén se deben estender aos corpos actualmente no nivel 24 do grupo A1 (profesorado de secundaria e réxime especial) co recoñecemento do nivel superior, o 26.