CIG-Ensino denuncia recortes nas escolas rurais da comarca de Compostela

[Imaxe Conto Viaxeiros Transfronteirizo]

A central sindical exixe o mantemento das prazas de profesorado que Educación visa suprimir mentres lembra a autorización "fraudulenta" dun novo centro concertado na cidade.

A CIG-Ensino denunciou publicamente esta quinta feira (30 de xuño) a "intención da Consellaría de Educación de suprimir unidades e profesorado na comarca de Santiago ao tempo que decide aumentar a oferta do ensino privado concertado de forma irregular". 

Educación visa suprimir dúas prazas de profesorado de Infantil en Trazo, unha unidade de educación infantil en Ordes e dúas prazas de Primaria en Louro

Através dun comunicado a central sindical nacionalista advertiu que o goberno galego visa "suprimir 2 prazas de profesorado de educación infantil no curso 2016-2017 e agrupar ao alumnado de 3 e 4 anos" no CPI Viaño Pequeno, en Trazo, segundo comunicou ao centro Inspección. A decisión prodúcese malia que "o número de nacementos se incrementou desde o 2010 e o número de nenos e nenas para os próximos dous cursos vai ser superior ao actual", sinalan desde a CIG. 

Aliás, no CEIP Mesón do Vento, en Ordes "a Consellaría quere  suprimir unha unidade de educación infantil que terá como consecuencia o agrupamento dos rapaces e rapaces de 3, 4 e 5 anos" ao tempo que "pretende pechar no mesmo concello a escola unitaria de Merelle", aseguran. "Estas medidas significan a supresión de  tres docentes e supoñen un novo recorte que se suma á xa longa listaxe de centros afectados por continuas reducións nos cadros de persoal", denuncian desde CIG-Ensino. 

Así mesmo, Educación pretende suprimir outras dúas prazas de educación primaria e unha de PT no CEIP de Louro.

Aulas a 35º no Maruxa Mallo

Desde a central sindical aseguran que trasladarán a súa oposición na vindeira xuntanza coa Xefatura Territorial na que exixirán o mantemento das unidades e do profesorado "para poder ofertar un ensino de calidade" no rural. Neste senso, lembran a situación que atinxe o IES Maruxa Mallo de Ordes no que "hai aulas que chegan a acadar os 35 grados, con 51 metros cadrados e con até 32 alumnas e alumnos". 

Fronte a esta realidade, a CIG-Ensino contrapón a autorización concedida pola Consellaría de Educación coa que se crea máis un concerto educativo na Casa do Neno en Compostela "ando existen centros públicos que teñen capacidade para cubrir a demanda de prazas, tal e como se constata na acta da Comisión de Escolarización de Santiago de Compostela do 16 de maio de 2016", apuntan.