A CIG-Ensino denuncia o "plan" da Xunta e o Concello da Coruña para ampliar a privatización da universidade

Inés Rei, alcaldesa da Coruña, xunto a Venancio Salcines, director xeral de Cesuga na presentación da proxecto Universidade Emilia Pardo Bazán o 30 de abril. (Foto: Cesuga)
A central nacionalista alertou hai catro anos do "interese de Cesuga e o lobby empresarial coruñés" por estender a oferta universitaria privada.

A CIG-Ensino denuncia un "novo intento de avanzar" nunha oferta universitaria privada "totalmente coincidente coa oferta pública xa existente" e pide que non se lle conceda autorización ao proxecto de universidade privada que o grupo empresarial Cesuga presentou a semana pasada na Coruña, a denominada Universidade Emilia Pardo Bazán, que conta pór en marcha no curso 2026-2027.

"A responsabilidade última do que aconteza coa que pretende ser a segunda universidade privada do país recaerá na Xunta da Galiza, que cos antecedentes coñecidos, deixa poucas dúbidas sobre o que fará", sinala o sindicato nun comunicado no que lamenta o "espectáculo propiciado pola alcaldesa da Coruña [Inés Rei], co seu entusiasta apoio a unha entidade que pretende competir coa oferta pública da cidade, co único fin de lucrarse e promover unha universidade elitista e segregadora".

A CIG-Ensino acusa ao Goberno do Estado de non ter tomado ningunha iniciativa nos últimos anos para "pórlle couto a un proceso de privatización escandaloso no sistema universitario español" e sinala tanto os ministros Castells e Subirats como a actual responsábel, Diana Morant, "que non teñen feito absolutamente nada para limitar a creación de entidades cun baixo nivel educativo e cunha voracidade lucrativa fóra de si".

O sindicato considera que os intereses creados e "postos en evidencia nestes últimos días" demostran que "o negocio das titulacións universitarias, sempre cun claro apoio político sen escrúpulos detrás é o que manda".

Nin oferta complementaria nin lingua nin doutoramentos

Fronte a este modelo, a CIG-Ensino reivindica "unha universidade pública, gratuíta e de calidade" ao tempo que pide actuar de oficio contra a universidade de Abanca. Este proxecto e o agora o impulsado por Cesuga afondan no "debilitamento da rede universitaria pública galega", advirte, coa conivencia do empresariado e do PSOE coruñés.

Segundo lembre o sindicato, a Lei 6/2013 do Sistema Universitario de Galiza (SUG) "xa foi incumprida polo Goberno do PP encabezado por Feixoo que agasallou aos irmáns Escotet coa autorización dunha universidade que non cumpría no seu proxecto o que a lei fixa como un requisito para a creación e recoñecemento dunha universidade na Galiza, sexa pública ou privada: que o catálogo de titulacións ofertadas sexa complementario e non reiterativo respecto das titulacións preexistentes e consolidadas no SUG".

A realidade a día de hoxe, salienta, é que a oferta de titulacións resultou "totalmente redundante coa oferta pública" ademais de non garantir na Universidade Internacional de la Empresa un dos obxectivos recollido na Lei, "a promoción do galego, lingua oficial e propia de Galiza". E aínda engade outro incumprimento máis da norma, xa que non ofrece ningún programa de doutoramento, cando a lei galega fixa a obriga de ofertar dous como mínimo.

"Cesuga, unha empresa que leva máis de dúas décadas operando na cidade da Coruña baixo o paraugas de diferentes universidades de fóra, actualmente vinculada coa Universidade San Jorge do arcebispado de Zaragoza, é desde hai anos a aposta dun importante lobby empresarial coruñés que viu con malos ollos que Feijóo concedese o 'premio' como primeira universidade privada a Escotet, a quen xa lle regalara previamente o aforro de miles de galegos e galegas, coa entrega das antigas caixas de aforro", denuncia a CIG-Ensino, quen destaca que a oferta deste grupo empresarial "non pretendeu nunca ser alternativa e complementaria, ofertando só titulacións de Grao –ningún doutoramento– coincidentes coa oferta pública".

A Xunta, aberta a iniciativas novas

A Xunta da Galixa pronunciouse sobre o proxecto universitario impulsado por Cesuga esta cuarta feira. "Celebramos que haxa unha iniciativa, pero todas as iniciativas teñen un percorrido e un procedemento", dixo o conselleiro de Educación, Román Rodríguez. Preguntado pola viablidad doa iniciativa ante a próxima reunión a semna vindeira do pleno do Consello de Universidades, o responsábel autonómico aplaude "calquera tipo de iniciativa orientada a potenciar ou a reforzar a educación de calquera territorio".

Por outra parte, indicou que, das 46 universidades privadas existentes no estado español, só una delas está na Galiza, a de Abanca. "Funcionan todas baixo unha normativa estatal e o proceso de creación réxese por unha normativa estatal", subliñou Rodríguez sobre o proceso que debe seguir calquera proxecto deste tipo. Con todo, a Xunta tamén debe autorizar a súa creación e mesmo elaborar unha lei.

O reitor da UDC pide garantías

Neste sentido, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, demandou esta terza feira que se paralice o proxecto de Cesuga de crear a universidade privada na cidade, se conta con informes negativos das axencias de calidade universitaria.

Segundo salientou Cao, estes informes "non eran vinculantes" até o momento, mais a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) é partidaria de que o Estado aprobe as novas propostas antes de autorizar a súa posta en marcha. O contrario, defendeu suporía "ir en detrimento da calidade e excelencia que se busca desde o sistema universitario".

Rexeitamento de CCOO

O proxecto da Universidade Emilia Pardo Bazán tamén conta co rexietamento de CCOO, que nun comuncado lamentou "o apoio da alcaldesa da Coruña a esta iniciativa". "Para Comisións Obreiras, a postura de Inés Rei é incoherente coa liña política expresada polo seu partido á fronte do Goberno de España, que aposta por limitar estas institucións".