A XUNTA DE FEIJóO INVISTE O 0,0007% EN POLíTICA LINGüíSTICA

CIG-Ensino denuncia que os Orzamentos 2015 continúan co "desmantelamento" do ensino público

Anxo Louzao [Imaxe CIG-Ensino]

Advirten que dos 2.090 millóns de euros para o vindeiro ano o 11,7% van dirixidos ao ensino privado. 

 

O sindicato maioritario no ensino, a CIG, compareceu esta cuarta feira (17 de decembro) para avaliar os orzamentos da Xunta para o vindeiro exercicio. Através do seu secretario nacional, Anxo Louzao, a central sindical nacionalista asegurou que as contas deseñadas pola Consellaría de Facenda continúa "pola senda do desmantelamento do ensino público" sen afrontar, sinalou, as "necesidades" e "carencias" do dereito á educación. 

Louzao debruzouse en comparecencia de imprensa sobre os dados que compoñen as partidas orzamentarias. Neste senso, salientou que se destinen 11,7% dos 2.090 millóns de euros a financiar o ensino privado. "Persiste o fortalecemento do ensino privado concertado ao que se dedican 236,6 millóns incrementándose a partida para secundaria nun 0,93% e un 0,9% en FP", explicou. 

Entrementres, "non" se restitúen, dixo, "os dereitos laborais do profesorado, destrúen emprego, reducen salarios" e "a partida para o funcionamento dos centros" na escola pública. Neste senso, subliñou, "o gasto de persoal só se incrementa o 0,4% cando nos últimos dous anos minguou o 8%". Aliás, desde 2009, denuncian, o número de docentes baixou en 3.000 e a taxa de reposición se sitúa no 50%. 

As políticas da Xunta de Galiza, critican desde a CIG-Ensino, promoven "unha maior precariedade laboral, maior mobilidade, contratos a tempo parcial e aumento dos horarios lectivos" ao tempo que se reducen os salarios e as pagas extras, acrecentou.

A Xunta inviste en política lingüística o 0,0007% do orzamento para 2015

Para a central sindical nacionalista "estamos perante uns orzamentos que suporán maior conflitividade, destrución de emprego, máis alumnado por aula e máis profesorado". En consecuencia, alertan, carrexará o "empeoramento da calidade do ensino, maior desigualdade social e fracaso escolar". 

Política Lingüística 

Aliás, desde a CIG advirten da "política de odio, de combate e de desleixo" cara á lingua galega que se desprende dos Orzamentos 2015. Desde 2009 o investimento do goberno galego en política lingüística reduciuse en máis de 13 millóns, pasando de 19,8 cando Feijóo chegou á Xunta a os 6,7 millóns previstos para o ano que entra. "Para o PP o fomento da nosa lingua só merece o 0,0007% dos orzamentos", dixo Anxo Louzao.