CIG- Ensino denuncia que Educación “prioriza só a FP dual”

No centro, Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino.

O sindicato maioritario no sector sinala que esta modalidade formativa “precariza aínda máis o emprego, supedita a formación académica ás necesidades de empresas concretas, facilitando mesmo a selección do alumnado por parte destas, e ameaza os postos de traballo do profesorado de FP”.

A CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, reaxiu á presentación da oferta educativa da FP para o vindeiro curso. A ollos da central, “a única beneficiada é a FP dual, cun incremento dun 60% dos ciclos e un total de 1.155 prazas”.

Nun comunicado de imprensa, a CIG-Ensino advirte de que o formato “non se adapta ás necesidades da economía produtiva de Galiza, composta por empresas de pequena dimensión e por un mercado laboral moi volátil e temporal”.

A FP dual “facilita ás empresas ter man de obra precaria cada ano

O sindicato sinala que a FP dual “facilita ás empresas ter man de obra precaria cada ano, a uns custos salariais e laborais moi inferiores con respecto ás traballadoras e traballadores”. Ademais, cuestiona as maiores posibilidades de inserción laboral.

“A ninguén se lle escapa que a potenciación desta modalidade vai traer consigo unha diminución do profesorado de FP a curto e medio prazo, tanto polo feito de que o alumnado pasará menos tempo nos centros formativos, como porque mesmo nalgún caso pode desaparecer a demanda de cursar ciclos na modalidade ordinaria, modular ou a distancia, levando aparellada a eliminación de ciclos”, engade o comunicado.

Na oferta da Consellaría de Educación créanse novas titulacións para ofertar a través da FP dual que non se poden cursar doutro xeito en ningún centro de Galiza

Na oferta da Consellaría de Educación créanse novas titulacións para ofertar a través da FP dual que non se poden cursar doutro xeito en ningún centro de Galiza. É o caso do duplo ciclo superior de Dirección de Cociña e Dirección de Servizos de Restauración e do duplo ciclo medio de Coidados auxiliares de enfermaría e Atención a persoas en situacións de dependencia.

A aposta na FP dual contrasta coa nula recepción das máis de 40 propostas que lle foron remitidas á Dirección Xeral de Educación e FP pola CIG-Ensino despois de contrastar as necesidades reais dos centros educativos”, denuncia o sindicato.