A CIG-Ensino denuncia "discriminación" nas universidades galegas

A CIG-Ensino promoverá dous conflitos colectivos que afectan ao PDI das universidades galegas. (Foto: Santi Alvite)

Vense afectadas máis de 1.000 investigadoras predoutorais, posdoutorais e dos programas Margarita Salas e María Zambrano.

Dous meses despois de que ningún dos tres equipos reitorais das universidades públicas galegas deran resposta a un escrito remitido pola CIG-Ensino demandando o pago das subas salariais de 2022 e 2023 ao persoal investigador predoutoral e posdoutoral, o sindicato dá un paso adiante e promove que a Comisión Paritaria emita ditames sobre dous temas que afectan ao persoal contratado con cargo a programas de recursos humanos nas tres entidades. Por unha parte, a suba salarial “que lle corresponde” ás persoas investigadoras predoutorais e posdoutorais e, pola outra,

O II Convenio Colectivo do Persoal Docente e Investigador (PDI) Laboral indica no seu artigo 9 que é preceptivo que a Comisión Paritaria coñeza, con carácter previo, calquera conflito colectivo que se suscite no ámbito do convenio. “A CIG-Ensino quere evitar a xudicialización de dous temas que o sindicato considera que deberían ter solución pola vía do pacto”, afirman. Con todo, a central sindical avanza que acudirá á vía xudicial se non existe acordo.

Suba salarial incumprida

“A suba salarial que percibiron todos e todas as empregadas públicas correspondente ao ano 2022 (3,5% contando a suba do 1,5% de finais de ano) máis o 2,5% deste 2023 ten que aplicárselle a todas as categorías laborais do PDI”, afirman desde a central sindical.

“Se xa é unha vergoña que se aplique unha suba que provoca que sigamos a perder poder adquisitivo, está totalmente fóra de lugar e da legalidade que unhas Administracións públicas como son as universidades non lla apliquen a figuras como o persoal investigador predoutoral e posdoutoral”, engaden.

O argumento ofrecido polas universidades de que “reciben fondos específicos para pagar eses salarios e que non os van ampliar con fondos propios” foi desmontado xudicialmente polo Tribunal Supremo que indicou especificamente que, con independencia da procedencia do financiamento, todo o persoal do sector público está afectado polas subas salariais que se aproben nos orzamentos do Estado.

O desfase entre a escalada de prezos e as retribucións dos traballadores e das traballadoras públicas afecta a todo o persoal mais, segundo a CIG-Ensino, ten unha especial incidencia naquelas figuras contractuais “máis precarias ou que están ao comezo da súa carreira profesional”.

Redución de salarios no persoal Margarita Salas e María Zambrano

O segundo conflito colectivo que promoverá o sindicato maioritario no conxunto das universidades galegas está relacionado coa decisión destas de reducir os salarios das persoas que foron seleccionadas como persoal investigador dos programas Margarita Salas e María Zambrano.

Esta decisión implica para o persoal investigador “unha redución importante” das contías brutas que figuran no Real Decreto 289/2021 do Ministerio de Universidades polo que se crearon estas axudas, “ao se veren na obriga de pagar unha cota que lle corresponde a cada universidade como entidade empregadora que é”.

“A maioría das universidades do Estado tomaron a mesma decisión que as galegas e só catro asumen neste momento o gasto da cota patronal”, afirma a central sindical. Por este motivo, a CIG-Ensino solicita unha rectificación que evite un novo xuízo e que sitúe as institucións galegas entre as primeiras “en dar marcha atrás e pagar como corresponde a estas compañeiras e compañeiros”.