CIG-Ensino denuncia o “desgoberno” da Consellaría de Educación

Reunión telemática de CIG-Ensino (Foto: Nós Diario).

O Secretariado Federal do sindicato maioritario reuniuse para unha posta en común da situación actual no ensino público galego e de como se ven afectados o profesorado e o alumnado.

O Secretariado Federal da CIG-Ensino, órgano no que están presentes a Executiva e os secretarios e secretarias comarcais do sindicato, reuniuse para dar conta das accións realizadas polo sindicato desde o comezo da entrada en vigor da emerxencia sanitaria e o estado de alerta, así como para avaliar a actuación da Consellaría de Educación e as demandas do profesorado.

Desde CIG-Ensino trasladan, en primeiro lugar, o seu “recoñecemento” ao “inxente traballo que está a facer o profesorado galego”. “Estamos nunha situación que rompe por completo as dinámicas tradicionais nas que desenvolvemos o noso traballo, e afrontar o reto de dar resposta ás demandas dunha situación de confinamento como a actual é unha tarefa moi complexa”, engaden.

O da fenda dixital –“xeográfica e social”- foi un dos temas fundamentais abordados polo sindicato, que salienta que hai moito alumnado “desconectado” e que non pode ser esquecido. Ademais, consideran que a educación en liña “non se pode nin aplicar nin valorar baixo uns mesmos criterios en todas as etapas educativas”, e que a súa aplicación non debe levar a que se esquezan “o apoio psicolóxico e ao alumnado con necesidades específicas”.

Recoñecendo que “a realidade que estamos a vivir dista moito de ser a ideal”, din que este “novo modelo de ensino e aprendizaxe” revélase “totalmente inapropiado para a maioría, senón a totalidade, dos niveis e etapas educativas”.

Para CIG-Ensino, “é unha obriga saber a quen lle corresponde a responsabilidade do que está a acontecer. E esta recae sobre todo nunha administración desaparecida antes e durante o confinamento”.

“A sociedade debe ser consciente de que o teletraballo que se está a realizar parte de cero, que non existen recursos, que as docentes non recibimos da Consellaría ningún material para desempeñar unha nova tarefa que se nos encomenda e que non existe formación previa nin seguimento de ningún tipo para afrontar estes retos”, explican.

Acusan á Consellaría de Educación de “incompetencia” e de falta de “comunicación”, pois “hai profesorado que non recibiu ningún comunicado directo da Consellaría, malia a contar co correo corporativo, nin tampouco se convocou en toda a crise a Mesa Sectorial, algo que si fixeron outras administracións”. “A incompetencia evidenciouse desde que foi dando tombos nun primeiro momento e impuxo posteriormente unha avaliación no 2º trimestre absolutamente innecesaria e que xa está a ser contestada desde moitos centros, sempre sen consultar coa representación do profesorado nin buscar os mínimos consensos”, sentencian.

Finalmente, CIG-Ensino tamén pon o foco sobre as oposicións, e recrimina ao Goberno galego o feito de deixar caer que en 2020 non haberá concurso público. O sindicato esixe que a oferta “se manteña exactamente como está anunciada” e que se as oposicións se trasladan ao 2021 “se sume á convocatoria de 2020 a oferta dese ano, no que a propia Consellaría calculaba que se producirán aproximadamente 1.000 xubilacións”.