CIG demanda mais flexibilidade nos permisos por hospitalización das crianzas recén nadas

O sindicato trasladou á Consellaría a situación do persoal docente con fillas hospitalizadas que non pode acollerse á redución de xornada nin sumar os días de hospitalización ás cinco semanas que lle corresponden de permiso

CIG-Ensino vén de presentar un escrito perante a Consellaría de Educación para que facilite os permisos laborais a proxenitores cando as súas crianzas requiren hospitalización logo do nacemento, regularizado na Orde do 29 de xaneiro. Dita norma xa recolle o dereito da persoa xestante a sumar até 13 semanas máis ao que lle corresponde por permiso por parto no caso de existiren complicacións no parto que alonguen a estadía hospitalaria e o dereito do persoal docente a reducir a xornada durante dúas horas diarias mentres dure dito internamento clínico.

 

Porén, a outra persoa proxenitora non posúe os mesmos dereitos equivalentes. Segundo a Orde xa citada, “o persoal funcionario que non estea a gozar do permiso por parto previsto nesta lei ten dereito a un permiso retribuído de 29 días de duración –5 semanas a partir de 2018–, do cal se fará uso a partir da data de nacemento”. Deste xeito, a Consellaría non permite que ambas proxenitoras disfruten en igualdade de condicións do seu dereito a estar de permiso con respecto a calquera outro pai ou nai.

 

Así pois, isto provoca unha “clara situación de indefensión” a este persoal docente, que non dispón das circunstancias máis propicias para afrontar o coidado das súas crianzas, que mesmo trala hospitalización “requiren de máis coidados e atención”. Este é o motivo polo cal a CIG-Ensino lle solicita á administración que flexibilice a interpretación da norma ou en último caso que modifique a súa redacción para ampliar a reducción horaria ou ausencia parcial do posto de traballo, ou para sumar os días de internamento no permiso.