LABORAL

CIG-Ensino demanda a Educación por negarlle a revisión médica anual a preto de 33.000 docentes

A central asegura que a Xunta lle vén negando a este colectivo "un dereito recoñecido ao resto de traballadoras e traballadores" desde hai 17 anos

CIG-Ensino vén de presentar unha demanda de conflito colectivo perante a sede do Social do TSXG --Tribunal Superior de Xustiza de Galiza-- en que denuncian que, desde hai 17 anos, o profesorado galego fica excluído das revisións médicas periódicas da saúde "recoñecido a todas as traballadoras e traballadores na Lei 31/1995, de Prevención de Riscos Laborais".

A central nacionalista responsabiliza á Consellería de Educación desta situación, sinalando que "como non podía ser doutra maneira, --a revisión médica-- élle ofrecida a todas as empregadas e empregados da Xunta de Galiza, incluído o persoal funcionario e laboral non docente, mais fican excluídos preto de 33.000 docentes" que desempeñan a súa función a cargo do Goberno galego.

Segundo apunta CIG-Ensino, a exixencia de cobertura deste dereito foi transladada "en repetidas ocasións" ao departamento que dirixe Jesús Vázquez e mesmo ao Valedor do Pobo, onde o sindicato presentou unha reclamación no ano 2008 que foi respostada desde a Xunta sinalando "que estaba a avaliar os custos e a catalogar os riscos".

Desde aquela pasaron tres anos "e Educación segue sen prestar a cobertura deste dereito", unha postura que a central nacionalista interpreta como "un trato discriminatorio" cara ao persoal docente que traballa para a Xunta de Galiza.